O músico goianés Andrés Álvarez recolleu a súa mención de honra en Hollywood

O compositor goianés Andrés Álvarez acudiu á gala dos premios Hollywood Music in Media Awards (HMMA) celebrada na noite do 17 de novembro no Fonda Theatre de Hollywood, Los Ángeles (California) para recibir a Mención de Honra pola súa composición Symphonic Sketches.

Durante a gala foi presentada a composición que foi moi ben recibida polo público, entre o que se atopaban os membros máis destacados da música, composición e cinema americano.
Andrés Álvarez, músico da Agrupación Musical de Goián, ten no seu haber varios premios de composición e a súa obra foi inter-pretada como obra libre e obrigada en diferentes certames da xeografía española e internacionais, sendo tamén estreada e interpretada en diferentes países como Francia, Bélxica, Holanda, Italia, Xapón, Venezuela, Colombia, Brasil…

Andrés Álvarez impartiu numerosos cursos de composición e instrumentación por toda a xeografía española e portuguesa e foi requirido para formar parte de diferentes xurados, destacando a última edición do certame internacional de banda Flicorno D’Ouro en Italia. Así tamén participou en diversas curtametraxes e documentais, como na banda sonora da longametraxe Soños de Sal (gañador este ano ao premio Goya ao mellor documental), na banda sonora da Mula ou na gravación da música orixinal da serie Seis Hermanas emitida por RTVE, compaxinando o seu traballo de compositor coa de director da Banda de Música de Chapela.

SYMPHONIC SKETCHES ou bosquexos sinfónicos, é un concerto para banda sinfónica e quinteto de vento, encargo do quinteto galego RUBATO, que foi estreado o pasado outubro pola xira que realizaron o compositor e o quinteto por terras brasileiras, facendo concertos en Santos, Río de Janeiro e Niteroi que segue a estrutura da senfonía clásica, pero non comparte todas as súas características, xa que a duración é inferior á dunha sinfonía (18 minutos aproximadamente) e está estruturada nun só movemento.