O patrimonio cultural e natural de Tomiño, recollido en 19 minutos Xa dispoñible o vídeo creado polo alumnado do IES Antón Alonso Ríos ao abeiro do Proxecto Erasmus+ Mémorie(s), que levará a imaxe da vila por Europa

Un percorrido por parte do patrimonio cultural e natural do Concello de Tomiño facendo pequenas presentacións en diferentes lugares que forman parte da memoria familiar e persoal dos alumnos e alumnas do IES Antón Alonso Ríos. Así é o vídeo creado polo alumnado do centro tomiñés ao abeiro do Proxecto Erasmus+ co que mocidade e profesorado buscan poñer en  valor aqueles lugares que forman parte da memoria individual e colectiva.

Organizado en coordinación con centros de Alemaña, Francia, Grecia, Italia e Portugal, este vídeo proxectarase en varios países, achegando a identidade do pobo tomiñés ao resto de Europa. Son 19 minutos de percorrido por distintos puntos da vila nun vídeo gravado en galego e subtitulado ao francés, lingua vehicular acordada polos países que forman parte do Proxecto Erasmus+ Memorie(s).

O vídeo comeza o seu percorrido no miradoiro do Niño do Corvo, que pasa por lugares como a Fortaleza de Goián, o santuario de San Campio de Lonxe, a Pedra Furada de Vilachán, os muíños de Vilameán, os petróglifos do monte Tetón, a igrexa de Santa María de Tebra, a ponte vella de Taborda sobre o río Cereixo… e que remata no mercado municipal e na Praza do Seixo.

O vídeo pode verse no seguinte enlace https://www.youtube.com/watch?v=uXv9OSDF3uM