O pleno aproba o procedemento de expropiación para a apertura do Camiño do Alivio Con 13 votos a favor e 4 abstencións. Tras a publicación do acordo no boletín oficial, o proxecto estará durante un mes a exposición pública

Aprobado por maioría. O concello de Tomiño aprobou este mércores 13 en pleno o inicio do procedemento de expropiación necesario para a apertura da rúa Camiño do Alivio, unha iniciativa que servirá para reorganizar toda a contorna coa Praza do Seixo e que permitirá crear un núcleo urbano pensado para as persoas, con accesibilidade universal e con calidade urbana.

Con 13 votos a favor e 4 abstencións, todos os grupos do goberno municipal coinciden en que este proxecto “era unha necesidade para o municipio”. A iniciativa afecta a dúas parcelas que deben ser expropiadas para derribar unha das esquinas da rúa e camiñar cara o futuro proxecto de remodelación das rúas Camiño do Alivio e República Arxentina.

Esta zona representa na actualidade un punto conflitivo dentro das rúas de Tomiño, tanto por ser un punto que dificulta a accesibilidade para a cidadanía como polo que se complica o tráfico rodado, con escasa visibilidade e limitando a mobilidade na contorna. O Plan Xeral de Ordenación Municipal xa contempla unha aliñación que lexitima o procedemento expropiatorio e que posibilitará que o entronque da rúa Camiño do Alivio e República Arxentina teña máis de 12 metros de largo, fronte aos escasos 5 metros que ten nestes intres.

Tras a publicación do acordo no boletín oficial, procederase á exposición pública do proxecto durante un mes. Neste prazo de tempo será no que os propietarios e propietarias das parcelas afectadas poderán presentar as alegacións, caso no que deberían resolverse e volver a levar a pleno para darlle a aprobación definitiva ao proxecto.



X