O programa ‘Cos pés na terra’ desvela os segredos sobre os enxertos en plantas de inverno Trátase da actividade que máis éxito tivo de entre oito accións formativas organizadas ao abeiro deste programa da Escola EU Rural

Vinte horas para aprender os segredos sobre os enxertos en plantas de inverno, dende que son, a súa finalidade, tipos, límites e incompatibilidades ata meter as mans na terra e preparar as xemas, ferramentas e material vexetal para poñelos en práctica. Esta foi a última actividade das accións informativas e demostrativas postas en marcha pola Asociación de Desenvolvemento EU Rural a través do programa ‘Cos pés na terra’ e que dende o pasado mes de agosto xa realizou oito accións centradas no sector agrario.

Durante catro xornadas, o profesor Santiago Ramos ensinou ás 20 persoas participantes no curso a teoría e sobre todo a práctica de como facer os enxertos nas plantas de inverno en Viveiros Nilo. Trátase da actividade con máis éxito de todas as realizadas ata o de agora, xa que ademais de cubrir as prazas totais contaba cunha lista de agarde de preto de 50 persoas. O motivo, que moitos das persoas participantes acudiran ao curso de enxertos de verán co que arrancou o programa ‘Cos pés na terra’ e buscaban a continuidade dos coñecemento. Aceptados por rigorosa orde de inscrición, a maior parte dos participantes son de Tomiño, seguidos do Rosal.

‘Cos pés na terra’ é un programa que busca fomentar o desenvolvemento do medio rural por medio da formación e sensibilización en materia agrícola. Por este motivo dende o pasado mes de agosto realizáronse cursos e conferencias sobre a preparación de solos, podas e variedades en especies froiteiras atlánticas; sobre pragas, sistemas de control e novas tecnoloxías no emprego de produtos fitosanitarios ou sobre o uso eficiente da auga nas explotacións e tamén se achegou ao público a experiencia de especies froiteiras noutros territorios, se lle amosou novas alternativas para o agro cun netwworking sobre ventas ou se lle ensinaron as ferramentas necesarias para emprender.

Todas estas accións contaron coa financiación ao 75% polo FEADER no marco do PDR de Galicia 2014-2020 e coa colaboración do concello de Tomiño e da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam).

Con este ciclo rematado, a organización do programa xa está a pensar na posta en marcha da convocatoria de novos cursos para continuar na senda da formación da poboación sobre aspectos do rural.