O programa de maiores remata a súa actividade anual cun concurso de postais de Nadal

  • As persoas que asisten regularmente realizan accións destinadas ao mantemento físico e cognitivo e á integración social

 

Coa entrega de premios dun concurso de postais de Nadal, remataron as actividades levadas a cabo no 2016 dentro do Programa de Maiores da Concellalía de Servizos Sociais de Tomiño, en colaboración co centro de persoas con discapacidade “Vontade” e COGAMI.

Á celebración asistiron os usuarios e usuarias do citado programa, os do centro de Día e os da residencia privada de Tomiño. Na oportunidade estiveron acompañados pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a concelleira de Servizos Sociais, Cristina Martínez, as que fixeron entrega dos premios e deron os seus parabéns aos gañadores do concurso de postais de Nadal: Elena Tato Dominguez (SADi Tomiño); Avelino Vicente Bouzada (Programa de Maiores do Concello de Tomiño) e Alvino Fernández Vidal (Residencial Tomiño).

A rexedora local agradeceu a todas as persoas maiores a vontade e o esforzo de asistir ás actividades organizadas polo Concello, salientando a importancia de manterse activo, cognitiva, física e socialmente. “Tratamos de mellorar as capacidades cognitivas dos usuarios co fin de mellorar a súa calidade de vida. Por outra banda, estes talleres funcionan coma un espazo de ocio e distracción, no que se fomenta a relación interpersoal e o traballo en equipo”, explicou a alcaldesa.

Logo dos premios houbo roscón e sidra sen alcohol e cancións tradicionais.