O programa “Deseñando o teu futuro” achega a mozos e mozas de Tomiño o mundo laboral durante tres semanas

Ao acto da clausura, celebrado onte no Concello, asistiron os participantes, algúns dos empresarios colaboradores e familiares

DSC_0742 (Copy)

Unha trintena de mozos e mozas de Tomiño, de entre 14 e 18 anos, participaron no programa “Deseñando o teu futuro” impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Fundación Paideia. No programa, no que o Concello de Tomiño colaborou a través da OMIX e do departamento de Orientación Laboral, durante tres semanas os mozos e mozas puideron coñecer o funcionamento diario dunha empresa local, privada ou pública, desempeñando diferentes funcións en distintos eidos.

DSC_0727 (Copy)

Onte ao medio día tivo lugar no Salón de Plenos do Concello o acto de clausura e entrega de diplomas. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polos concelleiros de Mocidade, Cultura e Promoción Económica, falou cos participantes para coñecer a súa experiencia e fixo a entrega de diplomas, desexándolles un futuro laboral e persoal exitoso. Tamén se atopaban presentes os técnicos de Orientación Laboral e Información Xuvenil, coordinadores da iniciativa a nivel local.

O obxectivo do programa foi aportar un referente profesional aos participantes (na súa maioría, estudantes do IES tomiñés) e propiciar unha primeira toma de contacto da mocidade co mundo laboral. A través de estadías non remuneradas en empresas ou entidades públicas, os xoves adquiriron competencias, habilidades e cualificacións que lles serán de utilidade á hora de escoller unha profesión.

DSC_0715 (Copy)

Para a súa realización o Concello contou co apoio e a colaboración dunha ducia de empresas locais de diversos rubros (O Fogón do Mercado, Gestil, Cárnicas Cholo, Gescón, Escola Infantil “Mi primer paso”, Vontade, Clínica Dental Ignacio Rodríguez Núñez, Ximnasio VYP, Serviseixo, Ortopedia Moldes, Clínica Veterinaria Graciela, MR Dixital, Fotografía Carper, Carnicería Florentiña e os departamentos de Urbanismo, OMIX e Obras do Concello) cuxa boa disposición, paciencia e boa actitude agradeceron sinceramente os organizadores.

Foi preciso tamén asinar unha serie de acordos de colaboración co IES de Tomiño, asociación de nais e pais, asociación de comerciantes e Acubam, asociación de cultivos do Baixo Miño.

A asignación dos mozos e mozas a cada unha das empresas colaboradoras fíxose dende o Concello coa colaboración do IES, tendo en conta os intereses e preferencias de cada un deles.

Os participantes ademais percibiron unha pequena retribución para gastos de desprazamentos.

Segundo as testemuñas escoitadas durante o acto de clausura, o programa resultou unha moi boa experiencia educativa e formativa para a mocidade tomiñesa e tamén para as empresas colaboradoras. Ambos sectores coincidiron en que lles gustaría repetir ou ter un período máis longo de traballo conxunto.

 



X