O que se enchufa Tomiño recíclao O Concello participa na campaña da Consellería de Medio Ambiente para a correcta xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos

O Concello de Tomiño súmase á campaña ‘O que se enchufa recíclase’, unha campaña de información e sensibilización posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia en colaboración con Ofiraee para a correcta xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) a través dos puntos de venta destes aparatos. Para a concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, a participación de Tomiño en iniciativas como estas “é fundamental para fomentar entre a poboación a xestión de residuos de xeito responsable”.

Ata este venres 9 de marzo, dous asesores terán un punto informativo situado nos soportais ou dentro do Mercado de Tomiño no que as e os interesados recibirán unha breve explicación sobre o que son e onde se poden depositar os RAEE e poderá participar nun sinxelo xogo de ruleta co que marcharse cun agasallo para a casa.

Os RAEE son televisores, frigoríficos, tablets, planchas… que cando xa non serven e calquera persoa quere desfacerse deles deben ser levados aos establecementos adheridos ou aos puntos limpos dos concellos para reciclalos do xeito correcto. Os aparellos eléctricos ou electrónicos son produtos moi complexos, con moitos materiais (metal, madeira, plástico, cartón, cristal líquido…) e distintos tipos de pezas. Por exemplo, nun móbil hai ata 40 tipos de materiais e terras raras que teñen un alto valor, polo que recuperalos é unha forma de minería urbana, respectuosa coa contorna e que favorece o aforro dos recursos naturais.

Estes aparellos poden ter un uso particular ou profesional, xa que non só se reciclan os aparatos eléctricos e electrónicos que se teñen na casa. Ademais, os aparellos necesarios para xerar, transmitir e medir as correntes e campos electromagnéticos tamén se deben reciclar.

Esta campaña ten por obxectivo fomentar a correcta xestión destes residuos e formar e informar ás e aos consumidores dos dereitos e obrigas que establece o real decreto 110/2015 tanto para á cidadanía como consumidora como para os distribuidores deste tipo de aparellos. A iniciativa, que se leva a cabo en 138 concellos galegos de máis de 4.000 habitantes, complétase coa instalación de máis de 1.000 contedores en puntos de venta de electrodomésticos nos que a cidadanía pode depositar estes residuos.



X