O “teixugo” Brais Castro Campión de España de Slálom C1 Cadete

A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, fai chegar a felicitación do equipo de goberno ao piragüista que comezou no mundo do slálom aos 8 anos

O piragüista de augas bravas Brais Castro (15 anos) resultou Campión de España de Slalom categoría C1 Cadete, na proba disputada a pasada fin de semana na canle olímpica da Seu D`Urgell o Campionato de España de slálom olímpico. O club Deportivo Miño- Teixugos acudiu con nove deportistas.
Na primeira xornada do sábado tiveron lugar as clasificatorias a unha soa manga. Clasificáronse para semifinais Emilio Rodríguez en k1 sénior, Brais Castro en k1 e c1 cadete e Manuel Ochoa en k1 cadete .
Na mañá do domingo, a primeira hora celebráronse as semifinais, entrando en finais Brais Castro en C1 e k1 cadete e Manuel Ochoa en k1 cadete. En kaiak, onde o nivel é moi alto, Brais rematou sétimo e Manuel noveno. A sorte e o esforzo acompañaron a Brais na categoría canoa, acadando a primeira posición e polo tanto medalla de ouro.
Na clasificación final por equipos O Deportivo Miño quedou en sétimo lugar, sendo o mellor clasificado dos clubs galegos.
Esta foi a última competición das catro que formaron a IX Liga de Slálom Olímpico “Manuel Fonseca”, na que Os Teixugos obtiveron resultados históricos e impensables fai uns anos.
A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, fai chegar a felicitación do equipo de goberno ao piragüista que comezou no mundo do slálom aos 8 anos, e que na actualidade está no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
A próxima cita será en Arbo no Campionato Galego, os días 6 e 7 de setembro.