Ao longo das últimas semanas tiveron lugar nas localidades da Seu d´Urgell e Pau os selectivos nacionais para formar parte dos equipos sénior, sub-23 e júnior de slálom.

Os días 6 e 7 de maio, na canle da Seu, tiveron lugar os primeiros selectivos que solo deron superado dous deportistas do Club Deportivo Miño: Brais Castro e Luis Fernández.

Na seguinte fin de semana, 13 e 14 de maio, na localidade francesa de Pau, celebráronse os segundos selectivos. Os equipos nacionais formáronse con tres mellores deportistas de cada categoría.

Brais Castro aspiraba a entrar no equipo sub-23 de canoa, pero non foi quen de quedar entre os tres primeiros.

Luís Fernández, acadou praza non só na selección sub-23, senón tamén na absoluta, ao ser o segundo mellor canoísta, por detrás do olímpico Ander Elosegui.

Esta praza dálle a Luís o dereito de participar no Campionato de Europa, en tres copas do Mundo e tamén no mundial sub-23.

Luís, natural de Salceda, adestra dende fhai varios anos no centro nacional de slálom da Seu. O logro deste ano é maior se cabe, pois a principio de ano sufriu unha lesión no ombreiro, da que estaba recentemente recuperado cando afrontou as probas selectivas.

Ademais de Luís, só outra galega, Ainhoa Lameiro, do Piragüismo Penedo (Caldelas de Tui), deu superado este ano os selectivos nacionais.

Dende a Concellalía de Deportes, fácenlles chegar os máis sinceros parabéns, desexándolles ao mesmo tempo, toda a sorte nas vindeiras probas.