27 Out 2014 O xacemento romano de Currás amosa a riqueza cultural dos antepasados tomiñeses

DSCN9178 (Copy) DSCN9191 (Copy)

A mostra estará aberta todos os días en horario de mañá e tarde (até o 9 de novembro), recibindo visitas escolares dos centros educativos

Currás non estaba illado do mundo na antigüidade. Os restos atopados nas escavacións arqueolóxicas de 1972 e 2013 así o amosan.

Esta é unha das conclusións dos estudos levados a cabo por un grupo de investigadores da Universidade de Vigo, encabezado por Fermín Pérez Losada, e que este expuxo durante a inauguración da Exposición Tomiño Romano, organizada polo Concello de Tomiño na Casa da Cultura.

Segundo o comisario da mostra, no xacemento romano e altomedieval de Currás, localizado no lugar dos Medos, os antepasados dos veciños e veciñas da parroquia, non vivían illados, senón en intenso contacto, a través do Mediterráneo, Exeo,e río Miño) coas principais urbes orientais do imperio, como o amosan os restos de importación (vaixela fina, cerámica, viño, aceite, olivas, etc.) procedentes de Italia, Turquía, Siria ou Palestina.

Tamén mantiveron unha estreita relación coa capital da rexión na aquela época, Bracara Augusta (actual cidade lusa de Braga), de onde traían tamén vaixela, viños e outros produtos e utensilios.

DSCN9201 (Copy) DSCN9218 (Copy)

A mostra arqueolóxica, inaugurada o pasado sábado, permanecerá aberta até o vindeiro día 9 de novembro en horario de mañá e tarde (11 a 14 e 17 a 20 horas).

O acto de inauguración contou coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, a alcaldesa de Tomiño, concelleiras de Cultura de Tomiño e Vila Nova de Cerveira; outros membros do goberno local, Comunidade de Montes e asociación veciñal de Currás, etc..

A alcaldesa de Tomiño, Sandra Gonzalez, pola súa banda, agradeceu o traballo realizado pola Universidade, así coma a colaboración e interese dos propios veciños/as da parroquia, que formaron parte activa de todo o proceso. A rexedora salientou tamén o carácter didáctico da exposición, co que se pretende achegar á veciñanza os coñecementos e resultados logrados.
Nesta liña, lembrou as visitas escolares que realizarán todos os escolares da vila durante os vindeiros días.
O alumnado de 5º e 6º do CEIP de Goián, foi o primeiro en visitar, esta mesma mañá, a mostra.
Os pequenos/as comezaron a confeccionar un mosaico, seguindo o modelo de algúns dos atopados nas escavacións, e que irán completando os escolares dos demais centros educativos.

Goián 6 (Copy) Goián 5 (Copy)

A partir de paneis explicativos, vídeos e mostra das pezas arqueolóxicas máis representativas, a exposición permite coñecer en detalle o traballo desenvolto no marco do convenio de I+D asinado polo concello de Tomiño e o Grupo de estudos de arqueoloxía, antigüidade e territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, para a recuperación e posta en valor do xacemento.

DSCN9206 (Copy) DSCN9169 (Copy)

 

 



X