Obradoiro de teatro infantil esta tarde no mercado municipal

Dentro da programación de Nadal organizada polo Concello, esta tarde, o mercado municipal acollerá, de 17.00 a 19.00 horas, o obradoiro de teatro infantil “Unha coroa para os reis magos”, a cargo de Migallas Teatro. É necesario apuntarse na Concellaría de Cultura (986 622001/03).

Mañá, venres 30, chega tamén ao mercado, entre as 17.00 e as 18.00 horas, o meigo Zanas, co espectáculo “Máis que maxia”. Non fai falla apuntarse.

A programación continúa os días 2, 3 e 4 de xaneiro coa actividade “Nadal na Praza”. Entre as 16.00 e as 20.00 horas, a Praza do Seixo encherase de xogos, obradoiros, inchables, coa protección dunha carpa, que xa está a instalarse.

A Cabalgata de Reis será o xoves 5, con saída dende o Campo do Alivio ás 16.30 horas e percorrido até a Praza do Seixo. Nela terá lugar a recepción dos nenos e nenas por parte dos Reis; entrega de agasallos e reparto de papeletas para o sorteo dunha bici, tablet, patins, drons, etc.

O sábado 7 de xaneiro, a programación continúa con “O mundo máxico de Pinocho”. A función, a cargo de Educa Teatro, será no Auditorio de Goián, ás 18.00 horas, con entrada de balde para nenos e nenas e de 3 euros para adultos.

Pechará o programa outra obra de teatro infantil-musical, “Vaioviravai – As andanzas de Paio”. Tamén no auditorio, ás 18.00 horas. Coma na anterior actividade, a entrada será de balde para nenos e nenas e de 3 euros para as persoas adultas.

Cristina Martínez, concelleira de Cultura, informa que este Nadal terá coma mascota, un teixugo, un animaliño habitante dos nosos bosques que destaca polo seu tesón e perseveranza e que é símbolo da unión coa terra e a chegada do Nadal.