Os anfibios e réptiles do Baixo Miño, protagonistas este sábado na granxa escola Corazón de Carballo O biólogo Fernando Martínez ofrecerá unha charla sobre estes animais

A granxa escola e centro de ocio e tempo de lecer Corazón de Carballo, en Tomiño, acolle este sábado 20 de xaneiro a partir das 19.00 horas unha nova charla, nesta ocasión sobre os anfibios e réptiles do Baixo Miño. O biólogo Fernando Martínez falará nesta ocasión das súas investigacións sobre a bioxeografía, ecoloxía e conservación das poboacións naturais de anfibios e réptiles centradas nas da área do Baixo Miño.

Esta charla acompaña ao proxecto educativo co que Corazón de Carballo abriu as súas portas, a exposición ‘Amigo Lobo. Lenda e realidade do Lobo ibérico’, do biólogo e fotógrafo Carlos Sanz, colaborador durante anos de Félix Rodríguez de la Fuente. Todos os visitantes poderán desfrutar ademais dun percorrido didáctico e dinámico polas instalacións da escola no que se tocarán temas relacionados co medio ambiente e a natureza, o coidado da horta, os animais de granxa, enerxías renovables, procesos de compostaxe, elaboración de queixos…

A granxa escola completa a súa oferta con visitas informativas guiadas pola exposición de ‘Amigo Lobo’ os venres e domingos a partir das 19.00 horas da man de expertos loberos de Acopo Fauna. Ademais, o vindeiro sábado 27 de xaneiro haberá unha nova charla, nesta ocasión a cargo de Luis Miguel González, que dará unha visión diferente sobre o coidado das hortas.

Ao mesmo tempo que se realizan as charlas e visitas guiadas haberá un espazo de talleres e actividades con monitores para os nenos e nenas.