Os pescadores tomiñeses piden á eurodeputada nacionalista Ana Miranda, que interceda para que as artes tradicionais non se vexan afectadas pola nova normativa de redes de deriva

Acompañada pola alcaldesa de Tomiño, a parlamentaria adiantou que o BNG presentará emendas en España e Bruxelas a próxima semana

A eurodeputada nacionalista Ana Miranda, e o deputado do Parlamento Galego, Daniel Rodas, acompañados pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reuníronse na tarde de onte con pescadores tomiñeses do rio Miño, para analizar o problema que supón para este sector incluír as artes de pesca tradicionais, coma o meixón, a lamprea ou o sable, na prohibición de redes de deriva.

Pescadores Tomiño

Os parlamentarios nacionalistas explicaron aos pescadores que a Comisión Europea, está disposta a corrixir a inclusión doutras artes tradicionais como a do xeito e as de augas doces, despois de que unha delegación galega encabezada por eles, se reunise coas autoridades europeas co fin de advertir da existencia, en España, das artes tradicionais antes mencionadas, que serían prohibidas no caso de aprobarse a normativa sobre redes de deriva, tal coma estaba plantexada inicialmente.

Os representantes do BNG comprometéronse cos pescadores do río, a presentar propostas no Parlamento Galego, Español e Europeo para impedir que as artes tradicionais que se utilizan no Miño entren na prohibición que ten prevista Europa para as redes de deriva.

Pola súa banda, os más de 40 pescadores asistentes á reunión, mantida no Concello de Tomiño, explicaron a situación que viven na actualidade, obrigados a cotizar todo o mes coma autónomos, aínda que exerzan a pesca artesanal uns poucos días ao mes, coma actividade económica complementaria, o que provoca unha gran desproporción entre os ingresos obtidos e os gastos que deben afrontar. Asemade, denunciaron a vixilancia das autoridades á que se atopan sometidos diariamente e que xulgan excesiva.

Os parlamentarios recabaron datos sobre a asociación de pescadores do río Miño para poder fundamentar mellor as emendas que presentarán en España e Bruxelas nos próximos días. Neste sentido, os pescadores explicaron que na actualidade hai entre 100 e 200 asociados da zona, dependendo da arte de que se trate.

A alcaldesa de Tomiño, adiantou que o goberno local levará a pleno unha moción sobre a necesidade de modificar a normativa sobre redes de deriva que pretende aprobar a Unión Europea, “de modo que os nosos pescadores poidan seguir exercendo artes de pesca que datan do século XVI e que son exemplo de sosteniblidade”.