Os praceiros e praceiras do novo mercado municipal de Tomiño pecharon a campaña de Nadal cun balance moi positivo

Ademais do incremento do volume de vendas, notaron un cambio importante no perfil dos consumidores/as

O balance da campaña de Nadal non puido ser máis positivo para os once praceiros do novo mercado municipal de Tomiño.

A reapertura do espazo, celebrada o día 20 de decembro, marcou un antes e un despois na historia do edificio, que pasou de ser unha antiga praza de abastos a un moderno centro de comercio local de produtos de proximidade.

Así o corroboran os propietarios dos postos que ocupan a planta baixa do mercado, algúns deles de nova creación, e nos que o cliente pode atopar froita, verdura, carne, peixe, chacinería, panadaría, produtos ecolóxicos e florería, entre outros.

Consuelo Maquieira leva vendendo peixe dende hai dous anos no mercado municipal e afirma que o cambio das instalacións beneficiou moitísimo o nivel de negocio, xa que agora vén moita xente nova en busca de produtos frescos de calidade. A reforma do edificio lle permite agora ter unha cámara para gardar o peixe, o que supón para ela, poder traer moita máis cantidade e variedade.

Entre os novos praceiros está Montse Álvarez Domínguez (Floristería Domínguez), quen tamén está entusiasmada e contenta coa súa nova aventura empresarial.
Comenta, aínda así, que o mundo da flor necesita máis tempo para implantarse ben dentro do mercado municipal, especialmente, co enfoque, moderno e diversificado, que ela pretende darlle ao seu negocio.

Reunión co concelleiro
Os praceiros mantiveron esta semana unha xuntanza co concelleiro de Facenda e tenente de alcalde, Uxío Benítez, co fin de avaliar a campaña e comentar os resultados, necesidades, suxestións. Neste sentido, o edil adiantou que o Concello está estudando un sistema de calefacción axeitado para mercados, fío musical, e outras ideas xurdidas da experiencia de estas primeiras semanas dende a reapertura do edificio.
Asemade, o goberno local está levando a cabo un estudio (previo á próxima subasta dos postos) da demanda existente para a planta superior do mercado, de cara á creación dun espazo lúdico-gastronómico.

Datos de interese
A obra do novo mercado forma parte dun proxecto xeral de modernización das instalacións municipais, considerado prioritario polo goberno local.
A reforma integral do edificio, cun custe de máis de 600.000 euros, ten coma obxectivo a dinamización da economía local a través da creación dun centro de comercio local, que sexa ao mesmo tempo polo de atracción para novos emprendedores e lugar de encontro para a veciñanza.

A reapertura do mercado fíxose con once postos de froita, verdura, carne, peixe, chacinería, panadería, produtos ecolóxicos, florería, etc., situados todos eles na planta baixa do edificio. A planta superior acollerá outros postos que se irán incorporando en breve. Nesta planta superior, á que agora pode accederse tamén por ascensor, haberá sete postos máis de produtos de calidade que conformarán un novo espazo lúdico-gastronómico, dotado de música ambiental, wifi gratuíta, e outros servizos.

Dentro da campaña de difusión que se está levando a cabo, o Concello creou unha páxina web (www.mercadotomino.com), e outra de Facebook (Mercado de Tomiño) que xa ten cerca de mil
seguidores.