Os produtores de planta ornamental presentan na Mostra de Cultivos do Baixo Miño un stand coas principais innovacións realizadas no sector

O evento, que foi inaugurado este mediodía en Goián, será visitado pola conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia

A décimo terceira edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño, inaugurada este mediodía en Goián, presenta importantes novidades na produción e distribución de planta ornamental e maquinaria especializada, que poden coñecerse nun stand montado por Acubam, (Asociación de Cultivos do Baixo Miño), entidade organizadora da feira.

A participación de varios viveiros portugueses e doutros puntos de Galicia, constitúe outra das novidades desta edición.

Así o manifestou o presidente de Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño), José Cosmed na inauguración oficial da mostra, coa presenza dos alcaldes da comarca, que ano tras ano dan o seu apoio a esta feira, única no seu tipo en Galicia e Norte de Portugal). Ao acto tamén asistiron os deputados provinciais Eva Vilaverde e Uxío Benítez, o alcalde de Allariz e outras autoridades convidadas.

José Cosmed salientou o especial esforzo de internacionalización realizado este ano, para abrir á mostra a expositores lusos e doutras zonas do país. “Esta mostra permítenos por en valor o noso traballo, profesionalizar o sector, mellorar a nosa produción e xerar cada vez máis emprego”, indicou.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pola súa banda, definiu a feira coma unha mostra consolidada, única no seu tipo en Galicia, e asegurou que o Concello “non se cansará de loitar por un sector que na actualidade é a columna vertebral da economía tomiñesa”.

Neste senso, a rexedora salientou que o sector dos cultivos é a día de hoxe o primeiro na economía local, cun volume de negocio que rolda os 50 millóns de euros ao ano.

A 13ª Mostra de Cultivos permanecerá aberta ata mañá domingo no Pavillón dos Deportes de Goián. Unha superficie de 1100 metros cadrados que alberga unha trintena de empresas produtoras de planta ornamental, flor cortada, fruticultura e auxiliares do campo.

Entre as actividades complementarias, salientar as conferencias de hoxe (xuntamos programa), orientadas a profesionais, e os actos de mañá domingo, para público xeral.

Mención especial para a exposición do proxecto escolar “As nosas amigas as plantas”, que leva adiante Acubam nos 19 colexios do concello, guiados pola voluntaria e bióloga Patricia Casaleiro.

Tamén é de salientar a exposición de artistas da zona que amosan as súas creacións en pintura e escultura con motivos alusivos á natureza e flora da rexión.

A artista tomiñesa Andrea Pousa brindará o domingo pola tarde, como peche das actividades un concerto moi especial, acompañada pola súa banda e o Bruxo Queiman, presentes tamén no acto de inauguración, durante o cal brindaron un avance do espectáculo de mañá, consistente nunha “tematización da orixe celta da planta atlántica”.

 

Por último salientar, que os organizadores da mostra agardan a visita da conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, mañá domingo, 3 de abril ás 12.00 horas.

DSC_0363_602x400DSC_0302_602x400DSC_0274_602x400DSC_0269_602x400DSC_0263_602x400DSC_0242_602x400DSC_0230_602x400DSC_0225_602x400

 

 

 

DSC_0296_602x400DSC_0228_602x400DSC_0216_602x400

DSC_0322_602x400