As empresas presentes na XIII Mostra de Cultivos do Baixo Miño logran incrementar nun 40% o volume de negocio e contactos comerciais

O evento, visitado onte pola conselleira de Medio Rural, rexistrou a visita de varios miles de persoas
A décimo terceira edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño, celebrada esta fin de semana en Goián, pechou as súas portas coa visita de máis de 3000 persoas e un incremento do volume de negocio e contactos comerciais superior ao 40%, con respecto ao ano anterior.

Así o manifestou o presidente de Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño), José Cosmed, tras a clausura da mostra, única no seu tipo en Galicia e Norte de Portugal.

Os produtores de planta ornamental, flor cortada, fruticultura e empresas auxiliares do campo, aproveitaron, coma cada ano, para presentar as últimas novidades na produción e distribución dos seus produtos e maquinaria especializada, coma puido comprobarse no stand de innovacións montado por Acubam, (Asociación de Cultivos do Baixo Miño), entidade organizadora da feira, coa colaboración do Concello de Tomiño.

A participación de varios viveiros portugueses e doutros puntos de Galicia, foi outra das novidades desta 13ª edición.

A mostra contou coa visita, onte domingo, da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen puido comprobar in situ a importancia económica do sector viveirista na comarca, en constante crecemento. A mandataria autonómica estivo acompañada no seu percorrido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e o presidente de Acubam, José Cosmed, ademais doutros membros do equipo de goberno, produtores, etc.

A artista tomiñesa Andrea Pousa brindou o domingo pola tarde, como peche das actividades, un concerto moi especial, acompañada pola súa banda e o Bruxo Queiman, no que levaron á escena unha “tematización da orixe celta da planta atlántica”.