Os Teixugos logran 15 podios na II Copa Galega de Slálom, celebrada en Salvaterra Ademais dun bronce na clasificación por equipos, os piragüistas do Club Deportivo Miño acadaron 6 ouros, 7 pratas e 2 bronces

O Club Deportivo Miño-Os Teixugos continúan colleitando os mellores resultados neste recentemente estreado inicio de tempada. Tras as medallas acadadas na IX Taça Ibérica, os piragüistas do club tomiñés subíronse ata en 15 ocasións ao podio na II Copa Galega de Slálom, correspondente á Liga Galega de Slálom, que se celebrou este domingo en Alxén, en Salvaterra de Miño.

Os Teixugos acudían con 11 deportistas a esta proba, na que o club tomiñés tivo unha participación “inmellorable”, conseguindo 15 podios dos que 6 foron ouros, 7 pratas e 2 bronces. Ademais destas medallas, o Club Deportivo Miño conseguía o bronce na clasificación por equipos, na que quedou por detrás do Piragüismo Penedo (1º) e do Tea de Mondariz (2º).

Dende o Concello de Tomiño, o concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, quere felicitar aos piragüistas tomiñeses pola súa gran labor esta fin de semana e polo gran inicio de tempada que están a ter o equipo nesta modalidade.

Gran actuación dos teixugos

Na categoría sénior, Brais Castro foi o gañador do ouro en C1 e da prata na categoría de K1; mentres que Laura Soutelo acadaba a primeira posición en K1 e Marina Ruedas quedaba segunda, facéndose coa prata.

Na categoría cadete, Ariadna Pereira conseguía a prata tanto en C1 como en K1, por detrás de Roxana Bernárdez do Tea.

Xa na categoría infantil, Ainhoa Barreiro gañou en K1 e en C1; Alba Soutelo quedou segunda en C1 e en K1; Samuel Castro gañou en C1 e foi segundo en K1, Sergio Rodríguez primeiro en K1 e terceiro en C1 e Alexis Segadaes rematou terceiro en K1.

A vindeira cita co slálom para os Teixugos será o 24 e 25 de febreiro na localidade francesa de Orthez, onde se disputará a primeira Copa de España.

Todas as fotos premendo aquí.