OS VIVEIRISTAS DE TOMIÑO AMOSARÁN A SÚA PRODUCIÓN NA 11ª MOSTRA DE CULTIVOS DO BAIXO MIÑO

A feira, que terá lugar a fin de semana do 26 e 27 de abril en Goián (Tomiño), reunirá a máis de 30 expositores de planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería e empresas auxiliares.

A undécima edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño celebrarase a fin de semana do 26 e 27 de abril, no pavillón polideportivo de Goián (Tomiño), con máis de 30 expositores do mundo do viveirismo (planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería) e empresas auxiliares, reunidos nunha superficie total de 1500 metros cadrados.

A feira, organizada por Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño) en colaboración co Concello, presenta nesta edición unha importante novidade: a xornada do sábado 26, dedicarase exclusivamente a profesionais do sector, mentres que a do domingo, será para público en xeral.

Outra novidade é que este ano se organiza unha ruta por oito viveiros da zona, para que os visitantes (profesionais) poidan coñecer in-situ a produción do sector, e ampliar a súa visión do que atopen exposto na mostra.

O presidente de Acubam, José Cosmed, salienta a importancia que ten para os produtores e comercializadores do Baixo Miño, seguir mantendo esta feira, única no seu tipo en Galicia, e que pon de releve que “o Baixo Miño é unha zona de referencia do sector en todo o país”. Cosmed explica que a formación de Acubam, foi posible grazas á consolidación da mostra de cultivos. “Despois de dez anos de mostra, démonos conta de que non se podía seguir facendo so un traballo dun fin de semana”, comenta.

O sector dos cultivos na comarca do Baixo Miño, xera máis de 500 empregos directos (70% deles femininos) e máis de 200 indirectos. Na actualidade, adícanse unhas 600 hectáreas ao cultivo de planta ornamental e flor. A distribución da produción faise en España (60 %) e no estranxeiro (40 % restante), cunha facturación anual que supera os 55 millóns de euros.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pola súa banda, reitera “o apoio incondicional” do Concello a esta mostra, e agradece a implicación dos produtores na súa organización.

A organización comunica que está por confirmarse aínda a presenza da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo, na inauguración da mostra.