Corenta técnicas e técnicos suramericanos interésanse por coñecer a experiencia de cooperación transfronteiriza con Cerveira A alcaldesa de Tomiño recibiulles no Concello, onde puideron falar coas Valedoras Transfronteirizas

Corenta participantes dun seminario de políticas de desenvolvemento territorial , o Seminario CPS ESPON (Cross Border Public Services.1), organizado en Vigo pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, foron recibidos onte pola alcaldesa Sandra González, no Concello de Tomiño.

A delegación, integrada por 30 representantes de Suramérica e de diferentes concellos, universidades e entidades galegas e portuguesas, acudiron interesados en coñecer a experiencia de cooperación transfronteiriza entre Tomiño e Cerveira.

 

Na ocasión tiveron a oportunidade de entrevistarase coas Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza (Zara Pousa e Lurdes Cunha), e escoitar o relatorio das súas experiencias no tempo no que veñen desempeñando os seus postos. Comentaron que as consultas, que poden facerse de forma presencial (primeiros e terceiros mércores de mes, con cita previa) ou telemática, teñen que ver, até o momento, coa utilización da piscina municipal de Cerveira; o aeródromo de Cerveira, escola de música de Goián, garderías municipais ou visitas programadas, cos problemas de documentación e permisos que existen na actualidade entre os dous países, e que elas tentaran minorar. “Será unha das nosas grandes loitas conseguir que a fronteira se suavice neste aspecto”, afirmaron.

A alcaldesa, pola súa banda, salientou a riqueza cultural e diversidade dos pobos suramericanos, e aconselloules contar sempre coas persoas e non so coas institucións, á hora de traballar en tema de cooperación transfronteiriza. “O mundo cámbiase a nivel local, de abaixo para arriba e comezando polas pequenas cousas”, sinalou a rexedora.

Seguidamente, a delegación desprazouse ata Vila Nova de Cerveira, para visitar a piscina municipal e a exposición de proxectos sobre a futura ponte peonil.

Previamente, durante a mañá de onte, técnicos dos concellos de Tomiño e Cerveira participaron en Vigo, na Mesa redonda sobre “Cooperación Local para a prestación de servizos públicos municipais transfronteirizos”, presentando o relatorio “Amizade Cerveira-Tomiño: construíndo unha eurocidade participativa”.