Participantes nun seminario organizado pola Agrupación Europea Galicia – Norte de Portugal, visitan Tomiño e Cerveira para coñecer a experiencia de cooperación transfronteiriza Técnicos dos concellos de Tomiño e Cerveira participarán no seminario, presentando “Amizade Cerveira-Tomiño: construíndo unha eurocidade participativa”

O xoves 7 de xuño, ás 16.00h, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, recibirá no Concello, aos participantes do Seminario CPS ESPON (Cross Border Public Services.1), organizado en Vigo pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal. A delegación está integrada por 30 representantes de sur América e de diferentes concellos, universidades e entidades galegas e portuguesas, interesados en coñecer a experiencia de cooperación transfronteiriza entre Tomiño e Cerveira.

Logo da recepción no Concello, a alcaldesa, entrevistarase coas Valedoras da cidadanía transfronteiriza (), e seguidamente, a delegación desprazarase ata Vila Nova de Cerveira, para visitar a piscina municipal e a exposición de proxectos sobre a futura ponte peonil.

Previamente, e durante a mañá do propio día 7, técnicos dos concellos de Tomiño e Cerveira participarán en Vigo, no marco do citado Seminario CPS ESPON, na Mesa redonda sobre Cooperación Local para a prestación de servizos públicos municipais transfronteirizos, presentando o relatorio “Amizade Cerveira-Tomiño: construíndo unha eurocidade participativa”, na que expoñerá a traxectoria de traballo conxunto dos dous concellos, con experiencias tan singulares coma o OPT (Orzamento Participativo Transfronteirizo); a figura das valedoras da cidadanía transfronteiriza ou os servizos, equipamentos e actividades compartidas.

(1) O obxectivo do programa de cooperación ESPON 2020 é apoiar a eficacia da política de cohesión da UE e doutros programas e políticas sectoriais, no marco dos fondos estruturais e de investimento europeos, así coma as políticas de desenvolvemento territorial.

 Programa_Evento_7_e_8_xuño

 

 



X