Patrimonio cultural

O Concello de Tomiño atesoura no seu territorio un amplo repertorio de patrimonio cultural de gran valor histórico e etnográfico na comarca.

 

A continuación pode consultar información detallada de unha boa mostra deles, que constitúen unha boa elección para facer un percorrido pola historia dun territorio singular no sur de Galicia, caracterizado polo seu caracter fronteirizo.

PAZO CASA FORTE DOS CORREA, GOIÁN

Esta casa patrucial situada na beira do río Miño, na parroquia de Goián, é un fermoso exemplo da arquitectura dos pazos do barroco galego. A súa historia queda indisolublemente unida á guerra de Restauración Portuguesa e á súa función defensiva dun punto estratéxico da fronteira galaico-portuguesa.

 

Pertenceu á liñaxe da familia Correa, que, dende o século XIV, estará unida á historia da vila de Goián, e alí exercerán as súas prerrogativas ata principios do século XIX, momento en que será abolido o réxime señorial.

 

Esta casa-pazo tamén chamada da Torre, pola torre defensiva que albergaba o conxunto, será levantada no século XVII e posteriormente reconstruída no século XVIII, tras sufrir un devastador incendio por mor da invasión portuguesa.

 

A edificación ten planta rectangular e destaca especialmente a súa fachada principal, algo máis historiada que o resto do edificio, cunha porta de entrada adintelada e adornada con volutas e rematada co escudo da familia Correa. A ambos os dous lados presenta balcóns sobre ménsulas tamén ornamentados con volutas. As outras fachadas son arquitectonicamente máis sinxelas pero unha delas atópase percorrida por unha interesante solaina frontal de pedra.

 

O conxunto está rodeado por un muro de pedra no que aparece inserida a pequena capela de S. Antonio de Padua, emprazada fóra do recinto, e é de titularidad e privada.

ARQUITECTURA POPULAR E PATRIMONIO ETNOGRÁFICO

A arquitectura popular, tanto a relixiosa como a tradicional ligada a outros elementos, como poden ser a auga, por exemplo, (pontes, presas, muíños…), singularizan a nosa paisaxe rural e definen o noso territorio.

 

Son elementos de gran valor patrimonial, que non sempre foron respectados do xeito en que o tiñan merecido, e que na actualidade gozan da protección e recoñecemento adecuados, e estanse a dar os pasos precisos para a súa recuperación e posta en valor.

Cruceiros e petos de ánimas

 

O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na nosa cultura, intimamente vinculado á paisaxe rural galega, e xorde nos máis inesperados recunchos para constituírse en obxecto de respecto e devoción populares. Adoitan atoparse en encrucilladas, beiras de camiños, adros, igrexas, etc., lugares en que ás veces xa existían cultos pagáns á natureza. A súa orixe podería ter lugar arredor da segunda metade do século XIV, pero o maior desenvolvemento terá lugar ao longo do século XVII, aínda que non foron realmente valorados e estudados ata ben entrado o século XX.

 

Os cruceiros serán erguidos maioritariamente por particulares, que buscaban así expiar as súas culpas ou as dalgún defunto. Esta intención expiatoria dos cruceiros será plasmada por Castelao de forma maxistral na súa obra.Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo. (Cousas, Castelao).

 

A súa iconografía irase facendo máis complexa co tempo e a tipoloxía será moi variada segundo os recursos económicos da persoa que encargara a súa construción. Estas manifestacións da arte relixiosa popular son moito máis que iso, son sinais de identidade da aldea ou parroquia, lugares de encontro e referencia na vida diaria da xente. Ao redor deles xurdirán numerosas crenzas e supersticións e buscouse neles protección contra o sobrenatural.

 

O Baixo Miño ten unha interesante e variada mostra destes monumentos. Tomiño, en particular, posúe o de maior antigüidade localizado ata o momento. O cruceiro da Barca, situado en Goián á beira do río, data do ano 1557. Tamén destaca o situado en Camiño Novo, nunha pequena encrucillada pola que pasa o Camiño de Santiago Portugués, cunha inscrición datada en 1691, e historiada decoración.

 

Os petos de ánimas lémbrannos a importancia na cultura popular do culto aos defuntos. Estas pequenas construcións, que atopamos en lugares de moito tránsito, teñen a función de recoller esmolas para axudar as ánimas a saír do Purgatorio e acadar o Ceo.

 

Polo xeral son sinxelas construcións de pedra nas que se representa a escena do Purgatorio, figuras entre lume que son axudadas a saír pola Virxe ou polos santos. Un dos trazos máis característicos destes pequenos monumentos no Baixo Miño é a súa variedade tipolóxica.

 

En Tomiño destaca sobre os demais o de Vilar de Matos, en Forcadela, pola súa monumentalidade e calidade artística. É tamén moi curioso o monumento da Peregrina en Estás, erguido polo artista portugués Manuel Barros en 1905, e construído coa doazón popular e coa axuda do colectivo emigrante. A escultura incorpora na súa parte baixa un esmoleiro.

A arquitectura popular e a auger

 

No “país dos mil ríos” sempre estivo moi presente a auga como elemento que achegaba riqueza e recursos a unha comarca e era preciso aproveitala ao máximo. Así, o home, para facer uso da auga, foi creando toda unha serie de construcións que posibilitaron o seu aproveitamento. De entre todas elas destacan pola súa abundancia os muíños hidráulicos e as pesqueiras, empregadas sobre todo no río Miño para a pesca da lamprea. Os muíños tradicionais, situados nas ribeiras dos cursos dos ríos, foron un elemento fundamental na alimentación da poboación ata épocas relativamente recentes, xa que con eles se transformaba o cereal en fariña. Isto explicaría a súa abundancia por todo o Baixo Miño.

 

Tomiño ten numerosas mostras ao longo de toda a súa rede hidrográfica, cunha especial concentración no curso do río Cereixo. Na área de lecer do barrio da Pedra atopamos algúns deles, ou no curso alto do río, ao seu paso polo val de Tebra, onde un pequeno conxunto deles foron recentemente recuperados pola Comunidade de Montes de Sta. M.ª de Tebra.

 

A auga ou cursos fluviais tamén poden converterse nun obstáculo para o paso dos camiños. Dende sempre os veciños asumiron as obras de pequenas pontes en vías ou camiños secundarios, orixinando unhas singulares construcións feitas cos coñecementos da sabedoría popular. Co tempo, moitas destas pontes acadarán a consideración de obras de enxeñaría de carácter histórico, inventariadas e catalogadas pola Xunta de Galicia. O río Cereixo ten unha fermosa ponte no antigo camiño que unía Hospital con Tui, a ponte Taborda, do século XVI, dun único vano e cantaría irregular.

 

Outra ponte de orixe medieval atopámola noutro tramo do mesmo río, á altura de Forcadela, en paralelo á estrada principal PO-550. Á súa beira ten situado un antigo muíño hidráulico e, un pouco antes de entrar na ponte, un cruceiro, formando un curioso conxunto etnográfico.

PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO

O Concello de Tomiño posúe unha gran riqueza patrimonial arqueolóxica, con importantes xacementos de distintas épocas que comprenden dende a Prehistoria, como o importante Xacemento Paleolítico de Chan do Cereixo, no límite entre os concellos de Gondomar e Tomiño, ata a época castrexa e de romanización.

 

Mención á parte merecen os petróglifos que se atopan no monte Tetón, na parroquia de Tebra, e que constitúen o conxunto máis espectacular da arte rupestre galega.

O Neolítico

 

A domesticación de animais e plantas chegou a Galicia hai uns 6500 anos e, pouco despois, a primeira arquitectura monumental, que deixou pegada na paisaxe: as mámoas. No Concello de Tomiño atópanse en Pinzás e en Tebra, pero destaca especialmente o conxunto de mámoas emprazado nas chas de Vilachán do Monte.

 

Aínda que estas permanecen sen escavar, sabemos que están constituídas por unha cámara funeraria conformada por chantos de pedra na que depositaban os cadáveres co seu enxoval (puntas de frecha, pezas líticas, cacharros cerámicos). A cámara funeraria ou dolmen cubríase con terra e cunha coiraza de cachotes para defendela contra a erosión e como recurso estético.

 

Ás veces os chantos do dolmen decorábanse con pinturas e gravados, no que veñen a ser as primeiras mostras de arte galega coñecidas.

Os Petróglifos do monte Tetón

 

O monte Tetón, situado na parroquia tomiñesa de Tebra, no límite co Concello de Gondomar, ten un dos conxuntos de arte rupestre máis importantes do sur de Europa, no que se atopan preto de 200 gravados en rochas da época do Calcolítico – Idade de Bronce (2500 – 900 a. C).

 

O Concello de Tomiño, coa colaboración da Comunidade de Montes de Sta. M.ª Tebra, estivo a traballar no acondicionamento e sinalización do xacemento arqueolóxico. Este proxecto tivo como obxectivo a creación dun espazo cultural e lúdico baseado na valorización do patrimonio natural e arqueolóxico. Deste xeito, creouse un lugar de uso público que integra un parque forestal, dous miradoiros paisaxísticos e un sendeiro cultural, denominado Ecoparque Arqueolóxico Monte Tetón.

 

Non pode catalogarse como un espazo arqueolóxico máis, xa que, pola súa particular situación xeográfica, se converte nun enclave único no que o visitante pode combinar a visita destas espléndidas manifestacións da arte rupestre, xunto co gozo dun contorno paisaxístico único.

Que son os petróglifos?

 

Denominados pola literatura científica como insculturas ao aire libre, son, xunto coas mámoas e os castros, os elementos materiais que mellor identifican unha gran parte da nosa Prehistoria. Son gravados feitos sobre formacións pétreas, empregando instrumentos de pedra para facer os sucos, probablemente mediante percusión indirecta. O efecto da erosión natural confírelles o seu aspecto actual, non sempre fácil de observar se non hai boas condicións de iluminación. Os mellores momentos do día para observalos son á primeira hora da mañá e á última da tarde.

 

A través deles, o home prehistórico deixou plasmadas unhas crenzas ou unhas mensaxes das que non se coñece con total seguridade o seu significado.

 

Cronoloxicamente situámolos, na súa maioría, no Calcolítico e na Idade de Bronce (2500 – 900 a. C), aínda que tamén atopamos exemplos destes gravados noutras épocas coma no Neolítico.

Onde atopalos?

 

A maior concentración destas manifestacións en Galicia atopámola na provincia de Pontevedra, ao longo do curso do río Lérez e nas marxes das Rías Baixas, con escasa difusión polo norte e polo interior da comunidade galega.

 

Polo xeral, adoitaban escoller lugares con amplas vistas sobre o contorno, en lugares próximos á costa ou a algún curso de agua.

Significado e características?

 

O seu significado deu pé a múltiples interpretacións, das que podemos deducir de xeito xenérico unha función simbólico-relixiosa e a certeza dunha clara intención de perpetuar no tempo estas crenzas, plasmadas nas rochas de lugares que para eles tiñan unhas connotacións especiais.

 

Os motivos representados nas rochas son de dous tipos fundamentalmente: por unha banda, abstractos, con formas xeométricas, de tipo circular, espirais, labirintos, cuadrangulares, que son os máis habituais; e por outra banda, naturalistas, con representación de figuras zoomorfas, como cérvidos, serpes, pegadas de animais… e antropomorfas, nas que o home aparece ben illado, ou ben realizando diversas actividades, como escenas de equitación, caza… Estas últimas son as menos abundantes.

O monte Tetón

 

O repertorio iconográfico desta estación rupestre abrangue todo tipo de motivos, como cazoletas, formas cuadrangulares, figuras humanas e animais, pero o que máis chama a atención é a impresionante combinación de círculos concéntricos. Das combinacións circulares do repertorio iconográfico dos petróglifos prehistóricos galaicos, ningunha alcanza os niveis de espectacularidade das do monte Tetón. Temos nestas combinacións circulares as representacións máis grandes de Europa atopadas ata o momento.

 

O petróglifo denominado Petróglifo de Real Seco, presenta unha impresionante formación de aneis concéntricos de 350 cm de diámetro máximo, pero na actualidade perdeuse parte do debuxo e as condicións de visibilidade non son moi boas.

 

O que presenta mellores condicións de visibilidade é o Petróglifo de Portaxes, cunha combinación de 18 aneis concéntricos, que acadan os 250 cm de diámetro nunha superficie de 270 m2. Este afloramento granítico é o que presenta unha maior cantidade de gravados, de entre os que destacan as combinacións circulares, grupos de cazoletas, formas cuadrangulares, escenas de monta e figura humana.

 

Estes artistas prehistóricos aproveitaban as irregularidades do soporte pétreo para resaltar o deseño das súas obras e os motivos e a iconografía aquí representados aseméllanse bastante aos do resto do Grupo Galaico de Arte Rupestre.

 

Para máis información: http://www.monteteton.com

ARQUITECTURA RELIXIOSA

Igrexa de Santa María de Tomiño

Esta igrexa parroquial de estilo románico formou parte, na súa orixe, dun mosteiro beneditino feminino do século XII. Aínda conserva moitos elementos arquitectónicos desta época, que fan dela a construción máis representativa deste estilo no Concello.

 

No transcurso do século XIV desaparecerá o mosteiro e quedará unicamente a súa igrexa dedicada á parroquia. Posteriormente, no ano 1809 levarase a cabo unha profunda reforma que a dotará do aspecto que ten actualmente, engadindo a torre e a sancristía.

 

Da primeira época románica conserva a súa planta dunha única nave e ábsida rectangular e abundante decoración de todos os seus espazos. O elemento de maior calidade artística será a portada principal, con catro pares de columnas baixo arquivoltas cunha historiada decoración vexetal. O tímpano é semicircular e non presenta ningunha ornamentación.

Destacan tamén de xeito especial os canzorros historiados do muro norte e da fachada sur, que recrean diversas formas animais e seres mitolóxicos, así como os situados baixo a cornixa da ábsida. No seu interior contén un interesante arco triunfal de medio punto e uns capiteis con historiada decoración.

Igrexa de San Vicente de Barrantes

 

Esta igrexa pertenceu a un antigo mosteiro beneditino que, segundo unha inscrición atopada no seu muro norte, sería erguida arredor do 1139. O mosteiro desapareceu no século XV e da época románica conserva a ábsida e gran parte dos muros laterais.

 

Destaca como elemento curioso a ábsida, con forma semicircular no interior e de dous corpos rectangulares en chanzos no exterior. A fachada sur conserva todos os seus elementos románicos cunha rica ornamentación, pero a norte atópase cuberta pola sacristía. Na mesma parroquia atopamos tamén outra igrexa de orixe románica, a de Santo André, pero conserva moitos menos elementos orixinais que a de San Vicente.

Igrexas de Santa María e San Salvador de Tebra

 

A igrexa parroquial de Santa María ten a súa orixe no século XII e pertenceu á Encomenda da Orde de Malta.

 

Da súa factura románica consérvanse a ábsida pentagonal e gran parte dos beirís, que se atopan decorados con historiados canzorros de variada temática. No seu interior atópase o sepulcro de D. Álvaro Suárez de Deza e Sotomayor, señor do castelo de Tebra, con estatua xacente e capela presidida polas armas da súa liñaxe.

 

A igrexa de San Salvador tan só conserva como románico os muros da nave e a súa ábsida rectangular. No conxunto destaca a variada mostra de modillóns, que percorren os distintos beirís, decorados con cabezas de animais, animais monstruosos, bólas… A cara norte da ábsida tamén está agochada por unha sacristía moderna.

Igrexa parroquial de Figueiró “ San Campio de Lonxe”

Este santuario é protagonista dunha importante e tradicional romaría que venera ao soldado romano san Campio, protector dos soldados mozos e intermediario na curación de diversas enfermidades, segundo a tradición popular.

 

Será erguida no ano 1804 sobre unha antiga capela en honor a santo Antón de Padua, para dar cabida aos numerosos “romeiros” que acudían todos os anos a venerar o santo.

 

A influencia portuguesa na súa arquitectura faise notar nos remates en liñas curvas e, de xeito especial, nos acabados das súas torres. O santuario complétase cunha ampla zona de lecer con parque, 2500 m² de zona de acampada, comedor e un refuxio de peregrinos con cuartos e cociñas para 150 persoas.

ARQUITECTURA INDIANA

Galicia é protagonista dun capítulo de honor na historia da emigración transoceánica, especialmente a partir da segunda metade do século XIX. Milleiros de galegos emigraron na procura dunha vida mellor ante as escasas expectativas de futuro que tiñan na terra de orixe.

 

Así, a pegada desta emigración no territorio galego farase moi notable a través das diversas obras públicas que promoveron, como é o caso de numerosas escolas, ou mesmo a nivel particular, das casas construídas por moitos dos que volvían á súa patria tras facer fortuna en América.

 

Tomiño non foi unha excepción a este fenómeno e a elevada taxa de emigración da súa poboación ao longo dos séculos XIX e XX deixounos abondosas mostras dun tipo de arquitectura de alto valor patrimonial, polo peculiar da súa construción por unha banda e polo bagaxe sentimental por outra banda.

 

A pequena vila de Goián, cunha tradición de emigrantes que se remonta ao século XVIII, especialmente ao Brasil e Nova York, conserva algunhas casas indianas de grande eclecticismo arquitectónico e moitas outras cun estilo que mestura as influencias indianas e as portuguesas. Estas edificacións transcenderán o seu valor puramente arquitectónico para converterse na auténtica memoria histórica da emigración.

As Casas Indianas

 

A aparición destas edificacións no decaído panorama arquitectónico galego de finais do século XIX suporá un capítulo completamente innovador.

 

A través delas introducirase en Galicia a arquitectura modernista, unha nova visión da casa que nada terá que ver coa edificación típica galega. Haberá dous tipos fundamentais de vivenda: a vivenda urbana, integrada nunha zona de vila e construída ao carón doutras vivendas, e as chamadas quintas ou chalés, vivendas de tipo exento que seguen o modelo de palacete de estilo ecléctico.

 

As primeiras son vivendas máis clásicas, polo xeral de dúas plantas e rematadas cunhas pequenas bufardas a modo de miradoiros. Moitas delas non renuncian á presenza dun pequeno xardín na parte traseira.

 

As segundas, que contan cun maior espazo, adoitan estar profusamente decoradas e préstanlle especial atención ás distintas especies exóticas que conviven nos seus xardíns.

 

As distintas tipoloxías de vivendas mesturan sincreticamente os elementos ultramarinos con outros tradicionais e o que as distingue principalmente é o país de procedencia dos emigrantes retornados. No caso do Baixo Miño, destacan moi especialmente os procedentes do Brasil. Estas son casas onde a cor ten unha maior presenza e as galerías serán as grandes protagonistas da súa ornamentación.

 

Unha característica común a todas as casas indianas do Baixo Miño é o predominio da pedra de granito na súa construción.

As Escolas Indianas

A particularidade dos galegos con respecto a emigrantes doutras nacionalidades foron os estreitos vínculos que sempre mantiveron co seu lugar de orixe, promovendo diversas asociacións con fins mutuais, recreativos, políticos ou culturais.

 

Así, este fenómeno asociacionista alcanzará o seu momento de maior esplendor nas tres primeiras décadas do século XX.

 

Aínda que nun principio nacen co obxectivo de dar asistencia e cubrir unha serie de necesidades do colectivo emigrante no país de destino, despois irán estendendo o seu radio de acción a diversas obras no país de orixe.

Un dos labores máis salientables levados a cabo por estas sociedades de emigrantes foi a de fomentar e propagar o ensino no seu lugar de orixe. Primeiro a través de iniciativas filantrópicas de carácter individual e máis tarde a través das chamadas “Sociedades de Instrución”, que implantarán e sosterán numerosos centros de ensinanza gratuíta por toda a xeografía galega, co obxectivo de escolarizar os menos favorecidos.

 

Estas escolas, promovidas polos emigrantes, son unha mostra da solidariedade e compromiso desta xente coa terra que os viu nacer. E ben fose a través de sociedades de instrución ou ben de forma individual, o obxectivo sempre era o mesmo: paliar a necesidade de formación do seu lugar de orixe.

 

Tanto os seus programas de ensino como as dotacións materiais serán completamente novidosos para a súa época, unha auténtica fiestra á modernidade, nun contexto de sistema escolar público completamente atrasado e afastado da realidade.

 

Serán na súa maioría escolas gratuítas, laicas e con programas de estudos modernos, inspirados nos modelos das repúblicas americanas; e no aspecto arquitectónico, aínda que existen moitas tipoloxías, adoitaban ser edificios de certa monumentalidade, cunhas modernas instalacións e equipamento, espazos para a práctica de deportes e lecer. Moitas delas funcionaron como auténticos centros dinamizadores do lugar no aspecto sociocultural. A presenza en moitas delas dun grupo de intelectuais procedentes da emigración contribuíu a dotar dun contido político a moitos destes proxectos educativos e a un maior calado social disto.

 

O municipio tomiñés é un dos concellos galegos cunha maior concentración destas escolas, favorecida polo elevado número de emigrantes e pola proliferación xa dende finais do século XIX de numerosas sociedades agrarias, moitas das cales derivarán en Sociedades de instrución.

A Escola Aurora del Porvenir

Situada na parroquia de Sta. M.ª de Tomiño, á beira da estrada PO-351, que enlaza a estrada Tui-A Guarda co centro de Tomiño.

 

Foi fundada pola asociación de tomiñeses residentes en Río de Xaneiro. ”Aurora del Porvenir Pro-Instrucción”, creada en 1912, é unha das escolas de americanos máis emblemáticas de toda Galicia, polo que significou na loita pola democratización e emancipación política de Galicia.

 

As clases comezarán en 1923 nun local provisional en Estás e posteriormente construirase un impoñente edificio próximo a Tomiño, que será inaugurado no ano 1930. Será unha edificación de modernas instalacións que contaba incluso cun campo de experimentación agrícola e seguía os criterios pedagóxicos máis avanzados do modelo escolar arxentino.

A finais de 1931, coa proclamación da II República, asumirá a dirección da escola Antón Alonso Ríos, mestre de profesión e figura política clave da emigración arxentina. Coa súa chegada, a vida política e cultural tomiñesa adquire un cariz agrarista e galeguista. A súa figura, así como o seu posto de deputado nas Cortes pola Fronte Popular, favoreceu o dinamismo político e sindical no Baixo Miño.

 

Unha importante xeración de alumnos de “Aurora” foron formados no seu modelo pedagóxico, reflectido nas súas obras Co pensamento na patria galega e Da saudade, amor, arte e misticismo. Este modelo incidirá nun sistema de ensino laico e racionalista e integrado no contorno rural, de xeito que se adaptase ás necesidades da comunidade campesiña.

 

Tras o golpe militar do 36, fuxirá das tropas franquistas agochado na identidade dun esmoleiro, o “Siñor Afranio de Amaral”. Vagará polos montes galegos durante tres anos, traballando como criado ou xornaleiro, e pasando numerosas calamidades ata que consegue cruzar a Portugal e de alí a Marrocos, de onde finalmente partirá rumbo a Bos Aires.

Escola Fundación Peirópolis

 

Situada en Estás, e de factura máis simple ca a Aurora, foi promovida a nivel particular polo filántropo establecido no Brasil Abdón Alonso Alonso, a través da Fundación Peirópolis.

 

Abdón era natural da parroquia de Estás e ordenou erguer o edificio en terreos da súa propiedade. Tamén contribuirá cunha importante doazón para a construción da escola “Aurora del Porvenir” e estendeu o seu labor filantrópico ao seu lugar de residencia no Brasil, a cidade de Peirópolis. Foi promovida pola Sociedade Protectora de Barrantes Pro Instrución, que nace en Bos Aires no ano 1912 co obxectivo de dotar á parroquia deste centro de ensino primario. De arquitectura sinxela dunha soa planta, tiña biblioteca anexa para uso do alumnado e tamén dos veciños.

 

Un dos seus impulsores foi Daniel Calzado, alcalde de Tomiño entre 1932 e 1935, procedente do colectivo emigrante e figura política clave do galeguismo.

Escola hispano-americana goianesa

 

Situada na vila de Goián, foi promovida pola “Sociedad de Obreros y Agricultores” da parroquia e sostida co apoio dos tomiñeses residentes en Nova York, agrupados todos eles na Unión Hispanoamericana Goyanesa, no ano 1914.

 

Ata 1928, ano en que se inaugurou o edificio, as clases transcorreron nun local alugado. O edificio de nova planta contará con aulas para nenos e nenas e as dependencias da propia Sociedade. Formará parte do proxecto educativo da II República denominado Misións Pedagóxicas, que entre outras cosas establecería bibliotecas populares por toda a xeografía para achegar a cultura ao pobo.

 

A biblioteca de Goián foi itinerante e nela organizábanse lecturas, conferencias ou sesións de cine con intención educativa, entre outras actividades.

 

O edificio sufriu numerosas remodelacións e actualmente alberga un centro de formación ocupacional do concello.

Escola Unión del Porvenir

Esta escola de ensino primario atópase á beira da estrada PO-350, que une Hospital con Areas (Tui), nos límites da parroquia de Taborda e Piñeiro.

 

Será promovida por unha sociedade de emigrantes tomiñeses establecidos en Nova York, no ano 1918, “Unión del Porvenir para Instrucción, protección y Recreo”, co obxectivo de promover a formación dos escolares e con fins lúdicos recreativos para familiares dos asociados. Como a maioría destas sociedades, o proxecto educativo iniciarase nun local provisional, ata a inauguración do edificio, que terá lugar no ano 1933.

 

O 28 de xuño de 2013, oitenta anos despois da súa primeira apertura, o edificio foi reinaugurado tras as obras de rehabilitación executadas polo Concello de Tomiño a través dun Obradoiro de Emprego. Os veciños de Taborda e Piñeiro son agora os usuarios deste espazo.

Todos estes novos e vivificantes proxectos educativos serán bruscamente interrompidos polo estalido da Guerra Civil en 1936. A maioría dos edificios serán clausurados, como é o caso de Aurora del Porvenir, pola súa vinculación á ideoloxía republicana, e moitos outros saqueados e presa da rapiña.

 

As súas infraestruturas serán aproveitadas polo réxime franquista, como será o caso de Unión del Porvenir e Aurora, que albergarán sendas escolas nacionais tras o establecemento da ditadura, obviamente con outros programas pedagóxicos completamente distintos.

ARQUITECTURA CIVIL Y MILITAR

As fortificacións de fronteira no Baixo Miño

 

O treito do río Miño entre Crecente, onde o perdemos como fronteira con Portugal, e Camposancos constitúe a chamada Raia Húmida polo seu carácter de fronteira natural. Estas terras serán ao longo da historia escenario vivo de numerosos intercambios e non menos numerosos enfrontamentos.

 

Aquí temos situadas algunhas das máis fermosas fortalezas galegas da Época Moderna, froito do período relativo á Guerra de Restauración Portuguesa (1640-1668), que xorde como consecuencia da anexión do reino portugués por parte de Felipe II, monarca español, no 1580.

 

Esta guerra iniciarase coa proclamación de independencia dos portugueses en 1640, dando así comezo unha carreira de fortificacións a ambas as dúas beiras do río Miño.

A arquitectura das fortalezas

 

Estas fortificacións, que irán xurdindo ao longo da Raia, non se poden entender dun xeito illado, senón como parte de distintos sistemas defensivos interrelacionados entre si, e que tiñan como finalidade protexer un límite territorial concreto.

 

A arquitectura militar evoluciona ao longo dos séculos XVI e XVII para adaptarse aos avances no uso da pólvora e da artillaría, dando lugar a un tipo de fortificación abaluartada (recinto poligonal rematado por baluartes defensivos), que resistirá mellor as ofensivas militares.

 

En Tomiño hanse construír varios fortes, que eran parte de dous sistema distintos: por unha banda, o sistema Amorín-San Luís Gonzaga e, por outra banda, o de Goián-Vilanova de Cerveira-Estás.

O sistema Amorín-San Luís Gonzaga

 

Composto en Galicia pola fortaleza de Amorín e os fortes de San Luís Gonzaga e San Jorge da Silva en Portugal. Os dous primeiros serán construídos polo exército español no ano 1657, formando entre ambos unha cabeza de ponte nunha zona onde o río se estreita. En resposta a este avance, construirán os portugueses o forte de San Jorge da Silva.

 

O castelo de Amorín, construído completamente en terra e con profundos fosos, formaba, xunto co de Medos, un sistema viario de defensa da cidade de Tui e, ao mesmo, tempo configuraba un sistema par enfrontado coas fortalezas do lado portugués. Responde ao modelo de arquitectura militar abaluartada do século XVII.

 

Levántase sobre un montículo a poucos metros do río e constrúese en varias fases. Despois de que finalizara a guerra cos portugueses, as obras de ampliación continuaron durante varios anos. Tiña varias dependencias interiores como a casa do Gobernador, cuarteis e corpos de garda.

Sistema Goián-Vilanova de Cerveira-Estás

 

Este conxunto de fortalezas xorde como consecuencia do avance do exército portugués cara ás terras máis baixas do río Miño. A poboación da Barca en Goián será atacada en dúas ocasións e alí iniciarán no ano 1644 a construción dun sistema de fortalezas terreñas, que servirán de modelo para outras fortificacións posteriores.

 

Nosa Señora da Concepción, levantada polos portugueses e situada nunha elevación do terreo a 1,5 km do río, será a principal e máis grande edificación do sistema na súa parte galega, e será erixida completamente en terra e madeira. Outras fortalezas posteriores construídas polo exército español, como a de Medos ou Amorín, seguirán este modelo, que ofrecía as vantaxes dunha rápida construción. Era de planta irregular e ocupaba 50 000 m2 de superficie. A súa función defensiva estaba completada por outras dúas fortificacións coas que se intercomunicaban mediante un sistema de trincheiras.

 

Na actualidade o seu trazado orixinal está moi desvirtuado por diversas edificacións e camiños que ocupan o terreo da fortificación. A ermida de san Roque eríxese no que sería o patio de armas, e a estrada que une Goián coa zona do río atravesa o conxunto pola súa metade.

 

En resposta a estas fortificacións erixidas polos portugueses, o exército español situarase nas proximidades e construirá o Forte de Medos, en Estás. Rematouse no ano 1664 e será levantado en terra, cunha superficie útil no seu interior de 5000 m2 e con espazo para almacéns, polvoreiras, pavillóns, etc. Xunto co castelo de Amorín, tería a función de cortar o paso do exército portugués cara a Tui, que contaba cunhas defensas moi pobres.

 

Tras a firma do Tratado de Paz en 1668, comeza un período de devolución das prazas tomadas e un reforzo das fortificacións. Ambas as partes deciden manter algunhas delas, facendo modificacións ou completando a defensa con novas edificacións, como por exemplo será o caso de san Lourenzo de Goián.

 

Este forte foi construído polos españois enriba do primitivo Forte da Barca, para substituír o complexo defensivo portugués que defendía a zona de Goián e co obxectivo de reforzar a zona de cara a un posible novo conflito con Portugal. Aínda que é de pequenas dimensións, presenta unha das plantas máis interesantes de todo o conxunto galego, pola súa perfección e simetría.

 

Feito en pedra, ten forma case cadrada, con baluartes nos ángulos e tres medias lúas defensivas, adquirindo así a planta unha forma estrelada e rodeada toda ela por un foso. No seu interior albergaba almacéns, cuarteis, unha polvoreira, capela, casa do gobernador e do capelán, cortellos e pozos. É o mellor conservado de todo o conxunto de fortalezas.

 

Encontrámonos, pois, cunha zona de grande interese patrimonial, tanto pola entidade dos bens como polo que no seu momento supuxo o fenómeno de fortificación fronteiriza, con edificacións erguidas a ambos os dous lados do río Miño.

 

Todas teñen a declaración de BIC, Ben de Interese Cultural, o máximo nivel de protección contemplado na Lei do patrimonio cultural de Galicia.

X