Persoeiros do atletismo galego tentan contaxiar o gusto por este deporte ás nenas e nenos de Tomiño As pistas do Mosteiro, a carón do colexio Pedro Caselles, foron as instalacións onde @s participantes recibiron clases e visitas de coñecidos atletas

A semana pasada máis de 40 nenos e nenas remataron o 1º Campus de Atletismo do Concello de Tomiño, recibindo clases diarias e visitas de atletas consagrados no panorama galego.

A realización deste campus de atletismo foi posible grazas á existencia do Club Sociedade Atlética Trega de Tomiño, de recente creación, que levan adiante Javier Sierpes e Patricia Pereira, tamén monitores deste campus.

Entre as visitas concertadas, estivo a do responsable de Marcha da Federación Galega de Atletismo, Carlos Morales, celebrada o día 27, e a da campioa de España de Xavelina (de Atlética Barbanza), Lidia Parada, o día 30.

Ademais, o día 28 , os participantes recibiron a visita de figuras do ámbito deportivo da comarca, coma o adestrador do Mecalia Guardés de balonmán, JOSÉ IGNACIO PRADES, acompañado das xogadoras África Sempere e a capitana Estela Doiro.

Explica o monitor e presidente do Club Sociedade Atlética Trega de Tomiño, Javier Sierpes, que as visitas se organizaron pensando en amosar aos nenos e nenas as disciplinas menos coñecidas do atletismo, para que as coñezan e tomen contacto directo con elas.

As pistas do Mosteiro, situadas a carón do colexio Pedro Caselles, foron as instalacións onde os/as participantes recibiron as clases e visitas de atletas; unhas pistas con catro calles e 200 metros de lonxitude, e un espazo interior con céspede natural, para campo de fútbol e outros deportes.

O concelleiro de Deportes, Ismael Torrón, expresou a súa satisfacción polos niveis de participación acadados neste campus e nos demais celebrados durante o verán, coma o de fútbol, tenis, padel e balonmán. polas que pasaron varios centos de persoas de diferentes idades, aínda que a maioría foron nenos/as e mozos/as.