Potenciar a formación artística entre o alumnado, proposta da Mesa de Anpas dos centros educativos de Tomiño para o Orzamento Participativo Presentou o proxecto da man da Escola Superior Gallaecia na categoría de Educación e Cultura. As votacións permanecerán abertas ata o 20 de febreiro

Continúa aberto o prazo de inscrición para escoller as actividades que se desenvolverán ao longo de 2018 de forma conxunta entre Tomiño e Cerveira ao abeiro do Orzamento Participativo Transfronteirizo, unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal incluída na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Nesta segunda edición a Mesa de Anpas dos centros educativos de Tomiño presentaron por primeira vez un proxecto para “ofertar formación e dinamización no ámbito artístico, tan escaso no currículo escolar”. Aínda que a idea xa levaba tempo xermolando, nesta ocasión daríase coa colaboración da Escola Superior Gallaecia, outro dos parceiros da iniciativa.

O obxectivo é proporcionar a alumnado de primaria e secundaria unha introdución á formación artística “mediante espazos para a experimentación e demostración artísticas, novos coñecementos das artes plásticas e da arquitectura” ao tempo que se daría “unha oportunidade para a convivencia da poboación escolar dos dous lados da raia mediante un traballo artístico conxunto”, salientan.

A proposta recolle a realización de dúas a catro actividades para os e as estudantes de secundaria e de tres a seis obradoiros para os rapaces e rapazas de primaria, en función da demanda, todas relacionadas co ámbito das artes plásticas e dixitais e da arquitectura. Para a Mesa de Anpas dos centros educativos de Tomiño o Orzamento Participativo Transfronteirizo abre a porta a futuras colaboracións con centros portugueses e “unha posibilidade á hora de valorar sacar adiante novos proxectos”.

Votación

Ata o vindeiro 20 de febreiro todos aqueles veciños e veciñas de Tomiño e Cerveira que aparezan rexistrados no censo electoral poderán exercer o seu dereito a voto para esta segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo. Soamente é necesario entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eu e rexistrarse con nome, apelidos e número de DNI, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar. Deberá sinalar ademais se está empadroado en Tomiño ou Cerveira e engadir un enderezo electrónico. A participación é validada tras o cruzamento da información persoal do rexistro cos datos do centro electoral, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.



X