16 Set 2016 Presentado o X Triatlo da Amizade: 10 anos de cooperación transfronteiriza

A proba celebrarase o vindeiro domingo e será puntuable para campionatos galegos e lusos

DSC_0712 (Copy)

As federacións galega e portuguesa de triatlón co apoio dos concellos de Tomiño e Cerveira, organizan un ano máis esta competición, que terá lugar o vindeiro domingo, 18 de setembro en ambas marxes do Miño, con clasificación para a Copa de Portugal PORTerra e para o Campionato Galego de Triatlo Cross. A proba sénior será a partir das 11.30 horas, e haberá tamén un circuíto rexional para os máis cativos e cativas, que se levará a cabo no Espazo Fortaleza a partir das 16.00 horas (hora galega).

A competición foi presentada oficialmente este mediodía no Concello de Tomiño, polo Presidente da Cámara de Cerveira, Fernando Nogueira, e o concelleiro de Deportes tomiñés, Ismael Troncoso acompañados polos presidentes das federacións de triatlón galega e portuguesa, Luis Piña e Mario Carvalho, respectivamente.

O concelleiro de Deportes de Tomiño agradeceu a colaboración de ambas federacións, así coma a de todas as persoas que de xeito altruísta apoian á organización. Ismael Troncoso salientou a evolución do Triatlo da Amizade a través de dez anos, definíndoa coma unha proba totalmente consolidada e que, de feito, puntúa para campionatos dun e doutro país.

Fernando Nogueira, pola súa banda, explicou que “hai xa unha década que o río Miño abraza unha proba que une portugueses e galegos na potenciación do deporte internacional e do intercambio sociocultural”. O presidente da Cámara Municipal adiantou tamén que se están a estudar cambios para a edición do próximo ano, que podería incluír tramos de montaña.

Os organizadores informaron que a día de hoxe hai máis de 120 participantes apuntados, federados e non federados, así como de equipos de elites dos dous países. Na proba da tarde, hai inscritos uns 50 atletas de diferentes idades. Nesta proba de menores as distancias son diferentes segundo a categoría.

Este ano, Vila Nova da Cerveira recibe a sétima e penúltima etapa da competición portuguesa na modalidade, contando cunha proba puntuable para a Copa de Portugal PORTerra e tamén para o Campionato Galego de Triatlo Cross, e para o denominado Circuíto Rexional Xove, polo que, o Triatlo da Amizade preséntase como unha excelente oportunidade para que clubs e atletas conquisten os últimos puntos antes da derradeira etapa.

Na edición 2016 a proba comeza con 750 metros de natación dende a praia de Goián cara á outra marxe (325 m.) en forma de “S” e continuará cruzando o río en diagonal (425 m.) chegando ao Cais de Vila Nova de Cerveira. A proba realizarase en baixamar, polo que está prevista pouca corrente.

Seguidamente, e dende o mesmo peirao, terá lugar a proba de BTT consistente en 4 voltas de 3,6 km. pasando por diferentes puntos das dúas vilas.

Os triatletas terán que percorrer a continuación un segmento de 5km. de carreira e pe que atravesará as rúas do centro histórico de Cerveira.

Ademais da vitoria individual, hai unha por países. Para decidir o país vencedor, súmanse os catro mellores tempos de cada país (2 mellores clasificados masculinos e 2 mellores clasificadas femininas).

Está novamente en disputa o Trofeo da Amizade, unha obra do escultor español Arcádio Blasco, que leva por nome “Encontro de Culturas” sendo, desde a primeira edición, o símbolo do Triatlo da Amizade. O trofeo non é propiedade do país gañador, facéndose sempre a pasaxe deste símbolo da amizade entre os galegos e os portugueses. O país vencedor garda o trofeo até á edición seguinte.

Competición, confraternidade e espírito de cooperación son conceptos que marcan o Triatlo da Amizade, que este ano conmemora os seus primeiros 10 anos de existencia.

Máis información:

http://fegatri.org/case-douscentos-participantes-no-x-triatlon-da-amizade/

Na foto principal aparecen, de esquerda a dereita: presidente da Federación Galega de Triatlón; presidente da Cámara Municipal de Cerveira; concelleiro de Deportes de Tomiño e presidente da Federación Portuguesa de Triatlo.



X