Protección Civil de Tomiño conta cunha nova embarcación tipo Zodiac, para emerxencias no río

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, recibiu onte, de parte da Xunta de Galicia, unha nova embarcación, tipo Zodiac, para ser utilizada por Protección Civil.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega onte de catorce embarcacións para augas interiores que serán utilizadas polos servizos de emerxencias e Protección Civil das catro provincias galegas.

Nun acto celebrado na praia do Lago de As Pontes, o vicepresidente da Xunta destacou o labor desenvolvido a diario polos servizos de emerxencias e de Protección Civil e recalcou a importancia de investir fondos na prevención para poder ser despois máis eficaces. O obxectivo, asegurou, é que os integrantes das agrupacións estean mellor preparados e mellor dotados que nunca.

Durante o acto, ao que tamén asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, e boa parte dos alcaldes dos concellos beneficiados, foi posible asistir en directo a unha demostración práctica dos novos medios postos a disposición dos efectivos.

Os beneficiarios das embarcacións son A Estrada, A Gudiña, As Pontes, Avión, Brión, Chantada, Curtis, O Barco, Padrón, Ribadavia, Ribas de Sil, Tomiño, Vilalba e o Grupo de Apoio Loxístico ás Emerxencias (Gali). O custe total foi de preto de 165.000 euros.

A alcaldesa de Tomiño, salientou a importancia do traballo realizado a diario polos membros de Protección Civil, que agora contarán cunha embarcación que lles permita desenvolver a súa labor con maior comodidade e eficacia.