Radio Mocidade, en obras para renovarse por fóra e por dentro O concello de Tomiño trasladou as instalacións de San Benito ao IES Antón Alonso Ríos, onde tamén será empregada como ferramenta educativa

Está a piques de cumprir sete anos de vida e era o momento de renovarse. Momento que o concello de Tomiño quere aproveitar para darlle un novo pulo a Radio Mocidade, unha emisora propia de radio do municipio a través de Internet que nacía en abril de 2011 co obxectivo de ser unha ferramenta de formación e divulgación aberta na que puidera participar toda a cidadanía.

O concello xa iniciou estes días o traslado das instalacións da radio a dependencias do IES Antón Alonso Ríos. Ata o de agora o estudio estaba nunha nave municipal en San Benito, pero “o sitio era reducido e necesitabamos facer unha remodelación e darlle unha nova identidade para relanzar ou impulsar de novo o servizo”, explica Fátima Rodríguez, concelleira de Turismo, Patrimonio e Mocidade.

Achegar a radio á mocidade

O concello escolleu as instalacións do instituto tomiñés para trasladar a radio buscando “achegar este servizo o máximo posible á mocidade” e que non tivera que ser ela a que se traslada a outra sede. Ademais, por parte do profesorado había moito interese en dispoñer do estudio no propio IES para poder empregalo tamén como ferramenta escolar activa.

Nestes intres o concello está construíndo o novo estudio de radio na antiga cafetería do instituto, ata agora empregada polo alumnado e profesorado como zona de descanso. Unha parte destas dependencias estarán destinadas á emisora, que contará cunha sala insonorizada e outra na que se instalará a parte técnica, ambas as dúas partes totalmente adaptadas para todos os públicos. Cun orzamento de algo máis de 15.000 euros, a emisora estará totalmente operativa e funcionando a mediados de febreiro.

“A idea é facer unha emisora de radio municipal online máis accesible e máis visible”, asegura a concelleira, por iso busca abrirse a asociacións, comunidades de montes, entidades… “que queiran levar adiante un programa, facer unha cuña de radio, anunciar a súa programación… sempre de xeito coordinado e coherente”.

Todas e todos os interesados en participar poden pedir máis información na OMIX de Tomiño, xa que o concello encárgase de coordinar o servizo de forma conxunta co IES Antón Alonso Ríos. Búscanse novos colaboradores con novos programas e todas as ideas son benvidas por parte da organización para seguir creando unha programación máis ampla, variada e para todos os gustos.

Dentro dese traballo de renovación da emisora, o concello tamén remodelará a páxina web de Radio Mocidade e daralle un novo pulo ás redes sociais para dar a coñecer o servizo ao maior número posible de persoas, sen límite de idade.

Primeira actividade

A primeira actividade que acollerá as novas instalacións de radio será un obradoiro de formación radiofónica da OMIX destinados á poboación en xeral e na que o alumnado do centro educativo non terá que pagar o prezo da inscrición, senón que poderá participar de balde. Este taller, de 22 horas de duración, comezará o 15 de febreiro e rematará o 12 de abril. O curso dividirase en dous grupos, un que se desenvolverá os xoves de 16.30 a 18.00 horas e outro o mesmo día de 18.30 a 22.00 horas.

Inscríbete premendo aquí



X