Remata sen alegacións o período de exposición pública para o procedemento de expropiación do Camiño do Alivio A apertura desta zona permitirá reorganizar toda a contorna coa Praza do Seixo e crear un núcleo urbano pensado para as persoas

O Concello de Tomiño segue avanzando para transformar o núcleo do Seixo nun espazo público pensado para as persoas, con accesibilidade universal e con calidade urbana. Tras aprobar en pleno a iniciación dos trámites para proceso de expropiación necesario para a apertura da rúa Camiño do Alivio, este domingo remataba o seu período de exposición pública sen que se presentaran ningún tipo de alegacións, o que demostra que se trata “dun proxecto que ten moi boa acollida por parte da cidadanía”, como sinalan dende o goberno municipal.

Este proceso afecta a dúas parcelas que deben de ser expropiadas para derribar unha das esquinas da rúa e camiñar cara o futuro proxecto de remodelación das rúas Camiño do Alivio e República Arxentina. As e os propietarios afectados xa foron notificados por parte do Concello e aínda están en prazo de presentar as alegacións que consideren oportunas.

Esta zona supón nestes intres un punto conflitivo dentro das rúas de Tomiño, tanto por ser un punto que dificulta a accesibilidade da cidadanía como polo que complica o tráfico rodado, con escasa visibilidade e limitando a mobilidade da zona. O Plan Xeral de Ordenación Municipal xa contempla unha aliñación que lexitima o procedemento expropiatorio e que posibilitará que o entronque da rúa Camiño do Alivio e República Arxentina teña máis de 12 metros de largo, a diferencia dos escasos 5 metros que ten hoxe.

O goberno local continúa a tomar esta serie de medidas estratéxicas para o futuro desenvolvemento de Tomiño, favorecendo un crecemento máis ordenado no que primen a mobilidade peonil e sustentable e o desfrute do espazo público, xerando unha maior calidade de vida urbana.