O Concello de Tomiño renova a sinalización do Ecoparque Arqueolóxico do Monte Tetón, que recolle a maior combinación circular de Europa Proxecto financiado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural

O Concello de Tomiño vén de rematar o proxecto de ‘Reposición de sinalización e equipamento do Ecoparque Monte Tetón, financiado pola Deputación Provincial de Pontevedra ao abeiro da convocatoria de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural. Trátase dunha axuda dirixida aos concellos da provincia de Pontevedra para o ano 2017 e publicada no BOPPO do 01/06/2017.

No Ecoparque Arqueolóxico do Monte Tetón atópase a maior combinación de circos concéntricos coñecida na arte rupestre mundial.

A realización deste proxecto débese a que na actualidade este ecoparque presentaba considerables danos froito do deterioro normal dun xacemento ao aire libre, que afectaban principalmente á sinalización do parque e a determinados elementos estruturais, como varandas ou pasos de madeira.

Como consecuencia da realización deste proxecto modernizouse, actualizouse e substituíuse a sinalización do parque e reparouse e mellorouse a accesibilidade dos xacementos. Ademais, como complementariedade, recolleuse toda a información sobre estes petróglifos na web do concello de Tomiño.

O importe da axuda ascende a 36.300 euros e subvenciona ao 100% os seguintes conceptos: estudo e actualización dos contidos divulgativos do parque; elaboración, deseño e maquetación dos recursos gráficos, audiovisuais, paneis divulgativos e sinalización do parque; redacción do proxecto arqueolóxico para a intervención de estruturas; produción e instalación da sinalización e dos paneis divulgativos; publicación en liña dos recursos dixitais dos contidos accesibles; a execución da intervención nas estruturas perimetrais, pasamáns e pasarela de acceso universal ao xacemento; a difusión e publicación da intervención; a avaliación da intervención e a xustificación do proxecto.

Entra nas imaxes para ver os distintos carteis de sinalización coa información acerca deste xacemento arqueolóxico.



X