10 Out 2016 “Retrincos de Castelao” chega este mércores a Tomiño

A obra, dirixida por Diego Rey, está protagonizada por dous actores amplamente coñecidos na escena galega: Isabel Risco e Fran Rei

A función será este mércores, 12 de outubro, no Auditorio de Goián a partir das 19.00 horas

Este mércores, ás 19.00 horas no Auditorio Goián, chegará a Tomiño a obra ‘Retrincos de Castelao’, no marco da programación teatral do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra, e incluída tamén na programación municipal “Outono Cultural”.

Trátase dunha obra creada pola compañía Culturactiva para achegar ao público actual a vida e a traxectoria de Castelao, combinando a comedia con elementos dramáticos. Dirixida por Diego Rey, esta obra pon sobre o escenario a dous actores amplamente coñecidos na escena galega, Isabel Risco e Fran Rei.

‘Retrincos de Castelao’ parte de textos do propio Castelao, fundamentalmente de Cousas e Retrincos, e dunha ducia de viñetas, que dan como resultado un texto que vai saltando da vida á obra do autor rianxeiro e permite abordar todas as arestas do personaxe e ir repasando as súas facetas: a humana, o humorista, o debuxante e o político.

Esta proposta, que xa estivo en Bueu e en Caldas de Reis, continuará o seu percorrido despois de pasar por Tomiño, por sete concellos máis: Ponteareas (29 de outubro), Cuntis (30 de outubro), O Grove (9 de novembro), Sanxenxo (3 de decembro), Poio (10 de decembro), Silleda (11 de decembro) e Forcarei (16 de decembro).

Esta é unha das obras que o ente provincial incluíu na súa programación teatral, co obxectivo de que os concellos poidan complementar a súas ofertas culturais e posibilitar que o teatro chegue a toda a poboación da provincia.

Esta programación inclúe cinco obras: a mencionada ‘Retrincos de Castelao’, de Culturactiva; ‘Que comera o rei?’, de Cándido Pazó; ‘Pegadas de Castelao’, de Migallas Teatro; ‘Os vellos non deben de namorarse’, de Teatro do Morcego -que en Tomiño se representou o pasado domingo-, e ‘A lingua na boca’, de Limiar Teatro. Cinco propostas que sumarán 90 representacións ata finais de ano, das cales 62 xa tiveron lugar nos meses de xullo e agosto, coa obra ‘A lingua na boca’, que percorreu todos os concellos pontevedreses.

‘Retrincos de Castelao’ é un espectáculo de pequeno formato que, segundo o actor Fran Rei, “é un espectáculo ácido co que pretendemos achegarnos ao humor de Castelao, que tamén era ácido e cheo de pensamento político e crítico”.

 

Contacto para entrevistas e declaracións sobre esta obra:

  • Isabel Risco:658613304
  • Fran Rei:667487568


X