SETE MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NO CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM Dende a Concellaría de Deportes, fan chegar a estes campións o seu agradecemento e parabéns

Este domingo celebrouse en O Couquiño, Dumbría, o Campionato Galego de Slálom. Nesta ocasión o Club Deportivo Miño-Teixugos so acudiu con catro piragüistas, xa que o resto do equipo non puido ir ao ter compromisos de estudos e traballo.

Aínda con tan reducida participación, os Teixugos foron quen de facerse con sete medallas do Campionato, o que da idea do gran nivel dos seus deportistas.

O mellor da xornada foi Luís Fernández; o padeeiro de Salceda proclamouse campión galego de C1 sénior e ademais foi bronce en K1 sénior.

Brais Castro, na mesma categoría,  foi terceiro en C1 e segundo en K1, o que lle supuxo un bronce e unha prata.

Marina Ruedas , tamén sénior, acadou a medalla de prata co seu segundo posto na modalidade K1.

Finalmente, Ariadna Pereira , na categoría júnior, foi bronce en C1 e prata en K1.

Impresionante balance para os Teixugos, pois todos os seus deportistas foron merecedores de medalla.

Na clasificación final por equipos remataron terceiros, por detrás do Piragüismo Penedo, que se proclamou Campión Galego, e do Club Tea de Mondariz.

Dende a Concellaría de Deportes, fan chegar a estes campións o seu agradecemento e parabéns polo brillante desempeño e contínuo esforzo de superación.