Sofía Areal presidirá o Consello da Infancia e da Adolescencia, que se chamará Voces Novas de Tomiño A vindeira reunión será este venres 23 de marzo, ás 18.30 horas no salón de plenos do Concello

O Consello da Infancia e da Adolescencia continúa a traballar para mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes e a súa participación activa na vida municipal e a promoción de políticas locais que garantan o seu desenvolvemento integral. Esta folla de ruta iniciada o pasado mes de decembro continuou na celebración de sucesivos consellos nos que se decidiron o nomeamento da súa presidenta, Sofía Areal, e que a organización leve o nome de Voces Novas de Tomiño. Ademais, crearase un enderezo electrónico, vocesnovas.tomino@gmail.com, que servirá de canle de comunicación co resto dos veciños e veciñas do municipio.

O Consello celebrará unha nova convocatoria este venres 23 de marzo ás 18.30 horas no salón de plenos do Concello. Nesta reunión os e as integrantes do consello aprobarán o regulamento interno e valorarán os documentos do V Encontro de Consellos de Infancia e Adolescencia, que se celebrará en Oviedo en maio e ao que Tomiño non poderá asistir pola grande afluencia de solicitudes que recibiu a organización do evento.

Nestes intres 10 mozos e mozas integran o Consello tomiñés, aínda que a participación continúa aberta a todos os rapaces se rapazas interesados en formar parte desta iniciativa, que soamente teñen que encher un formulario de inscrición no que nais, pais ou titores e titoras legais dan o consentimento de participación ao ser todas as persoas integrantes menores de idade.

Cidade Amiga da Infancia

A posta en marcha deste Consello é un dos pasos que está a dar o concello de Tomiño para conseguir o selo de Cidade Amiga da Infancia concedido por Unicef, que recoñece o labor dos municipios a prol de mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, a súa participación activa na vida municipal e a promoción e implantación de políticas locais que garantan o seu desenvolvemento integral cun enfoque de dereitos.



X