Talía Teatro combate en Tomiño os estereotipos coa súa obra ‘Rosa Caramelo e outras historias’ A representación, dirixida a público infantil, terá lugar o vindeiro domingo 18 na Casa da Cultura (18.00 h) dentro da Programación de Primavera do Concello

O Concello de Tomiño continúa coa súa Programación de Primavera, nesta ocasión centrada na loita pola igualdade. A compañía Talía Teatro chega a esta fin de semana á vila cun espectáculo que pretende darlle a volta aos roles e estereotipos de xénero. Será coa representación de ‘Rosa Caramelo e outras historias’, unha obra dirixida pola autora teatral e actriz Paula Carballeira que a través da palabra e da música en directo tratará de crear unha atmosfera axeitada para axudar a nenos e nenas a desmontar unha serie de “ideas impostas e fortemente asumidas sobre as actitudes e aptitudes de mulleres e homes”.

A representación, recomendada para cativos e cativas de 4 a 8 anos, terá lugar o vindeiro domingo 18 de marzo na Casa da Cultura de Tomiño a partir das 18.00 horas. O prezo da entrada será de 3 euros para público adulto e de balde para nenos e nenas. Todas as persoas interesadas poderán adquirir a súa entrada no despacho de billetes dende unha hora antes do inicio da obra.

Talía Teatro recolle nesta ocasión catro coñecidos relatos da escritora italiana Adela Turín, unha referencia internacional para a educación en igualdade, para construír un espectáculo no que os roles de xénero deixan de existir. O actor Artur Trillo, acompañado en escena polo acordeonista Fernando Fraga, recreará os mundos de ‘Rosa Caramelo’, ‘A historia dos bonobos con lentes’, ‘Unha feliz catástrofe’ e ‘Atur e Clementina’, contos nos que elefantes, chimpancés, tartarugas e ratos serán os protagonistas.

A obra forma parte da Programación de Primavera do Concello de Tomiño e enmarcase na serie de actividades organizadas ao longo de marzo como Mes da Muller, no que todas as accións programadas teñen un claro protagonismo feminino e de loita pola igualdade.