TOMIÑO ABRE NOVAMENTE A AULA CEMIT DA LOCALIDADE CO FIN DE FACILITAR O ACCESO DOS VECIÑOS E VECIÑAS ÁS NOVAS TECNOLOXÍAS

O servizo está activo dende o día 1 de abril e permanecerá aberto até o 31 de decembro

O Concello de Tomiño vén de reabrir a Aula CeMIT da localidade, sita no Campo da Feira, no mesmo edificio da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). Para a reapertura da aula, o Concello conta cunha axuda de conformidade co convenio para a Modernización Tecnolóxica, subscrito entre a FEGAMP e a Xunta de Galicia, ata o 31 de decembro de 2014.

O responsable da aula seguirá sendo Daniel Ozores Álvarez, e o horario de apertura e atención ao público será de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres.

Tal como até agora, seguiranse realizando obradoiros presenciais de alfabetización dixital e multimedia, ademais de diferentes videoconferencias orientadas a diversos ámbitos das novas tecnoloxías.

Todas estas actividades están orientadas á poboación en xeral, e tamén ás pymes e ás diferentes asociacións do concello. As mesmas serán previamente anunciadas nos medios de comunicación e na páxina da Aula CeMIT de Tomiño: www.cemit.xunta.es.

Próximas actividades:

  • Seminario técnico sobre análise de datos en Big-Data, o xoves 24 de abril, de 9.30 a 13.30 horas, dirixido preferentemente a persoal técnico interesado en adquirir coñecementos sobre a materia. Non é preciso coñecer o programa Apache Hadoop previamente.
  • Xornada formativa co obxectivo de dar a coñecer os posibles trámites da sede electrónica da Xunta de Galicia. Terá lugar o vindeiro martes, 29 de abril, en horario de 10.00 a 13.30 horas.

Asemade, se a aula non está ocupada cas actividades de formación, os usuarios e usuarias que o desexen, poderán acceder libre e gratuitamente a utilización da aula, para o que contarán co apoio e asesoramento do axente TIC.

Para inscribirse en calquera dos cursos ou recibir máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a Aula CeMIT, acceder á páxina web da rede Cemit; enviar un correo electrónico a cemit.tomino@xunta.es