Tomiño acolle un espazo de reflexión sobre o presente e futuro do agro no Baixo Miño A Asociación Cultivos do Baixo Miño presentará o plan estratéxico do sector no salón de plenos do Concello o vindeiro martes 19 de decembro

O sector agrario na comarca do Baixo Miño converteuse nunha fonte de desenvolvemento económico e social da contorna. Porén, nos últimos anos varios factores internos e externos están a repercutir na competitividade das empresas de produción directa, ademais de na das empresas auxiliares. É neste escenario onde nace a Asociación Cultivos do Baixo Miño (ACUBAM), que o vindeiro martes 19 de decembro (16.00 horas) presentará no salón de plenos do concello de Tomiño o plan estratéxico posto en marcha para o sector agrario da comarca.

O obxectivo da asociación é fortalecer a comunicación e colaboración das empresas do sector buscando a profesionalización e o crecemento e como aposta de futuro cara a consolidación do sector no mercado nacional e internacional. Co apoio dos concellos de Tomiño, A Guarda e O Rosal e coa colaboración de diversos axentes privados, durante todo este ano fíxose unha diagnose do sector para coñecer as fortalezas, debilidades e oportunidades de mellora e traballar nun plan estratéxico que recolle actuacións a desenvolver ata o ano 2021.

O salón de plenos do concello tomiñés acollerá a presentación das liñas de actuación para o vindeiro ano 2018 nunhas xornadas ás que están invitados todos os veciños e veciñas e todas as entidades interesadas e que servirán de espazo de reflexión e intercambio de información entre os representantes dos grupos de interese do sector, dende as administracións públicas, universidades e centros tecnolóxicos ata centros de formación, empresas privadas, axentes de financiamento ou expertos.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a presidenta de ACUBAM, Patricia Rodríguez, serán as encargadas de dar o comezo ás xornadas, que arrancarán coa intervención de Nicasio Mejuto, subdirector de Explotacións Agrarias da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, sobre a aposta estratéxica das administracións rexionais polo crecemento do sector agrario.

A continuación farase a presentación das liñas estratéxicas e do plan operativo 2017/2018 do plan estratéxico do sector agrario do Baixo Miño e porase un marcha unha mesa redonda sobre o futuro socioeconómico do sector, centrándose no seu crecemento e sustentabilidade. Neste sentido, Clara Pousa, técnica da Oficina Agraria Comarcal O Rosal, falará da evolución e desenvolvemento do sector na contorna e Gonzalo Barrio, director de Expansión da Fundación Empresa Universidade Galega, profundará sobre a profesionalización do sector e a oportunidade de avance tecnolóxico e carreiras profesionais no agro.

Marco Antonio García e Eva Gil, representantes do GDR 14 Baixo Miño, explicarán ao público a estratexia de desenvolvemento local e as liñas de financiamento e José Antonio González e Igor de las Heras, de CaixaBank, darán a coñecer os programas Agrobank e Incorpora. A mesa redonda rematará coa visión empresarial do sector, explicada da man de Kiwi Atlántico, Porta do Río Miño e Río Tollo.