Tomiño adica ao teatro a súa programación cultural de outono 2015.

O Concello de Tomiño vén de lanzar a súa programación “Outono Cultural” adicada ao teatro. O compromiso coa cultura mantense máis presentes que nunca nun programa no que a calidade e o sentido de humor estarán presentes.

A cartelera presenta catro espectáculos coincidíndo cos catro domingos do mes de outubro. A primeira cita será este domingo 4 de outubro con “filosofando”. Peza teatral escrita e dirixida por Avelino González que contarán coas actuacións Xavier Deive e Luís Iglesias, actores coñecidos polos seus papeles nas serie da TVG “Matalobos”.

O domingo 11 de outubro, contaremos co espectáculo da Compañía de Teatro Migallas que nos presentará “O cantante e as mulleres”. Migallas Teatro é unha compañía cunha longa traxectoria nas taboas e das que destacamos os seus traballos docentes e adicados ao mundo infantil. Nesta ocasión, presentarán un espectáculo dirixido ao público adulto.

Xa o domingo 18 de outubro, será o turno da Compañía Fulano, Mengano e Citano con “Top Manta”. Un espectáculo que como non sería menos nos agasallará cun rato de humor no que a crise e a realidade actual son tratadas cun punto de vista cómico.

E dando fin a esta programación teatral, visitarán Tomiño a Compañía Malasombra na que Xoque Carbajal, Jouse García e Patricia Rodríguez interpretarán a obra “D.E.P”.

Toda a programación desenvolverase na Casa da Cultura de Tomiño ás 20h00 e a entrada terá un custo de 3€.

A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, explica que cada temporada do ano, o Concello adica a programación a unha rama diferente da cultura e das artes, sendo esta a do teatro. Martínez indica que “ os vindeiros ciclos adicarémolos ao humor, música e cine. Programas culturais nos que xa estamos traballando e que agardamos presentar no auditorio de Goián unha vez rematen as obras de acondicionamento da escola de música”.