Tomiño amplía a súa rede de saneamento no barrio de Carregal de Abaixo Cun investimento de preto de 200.000 euros, permitirá servir a unhas 40 vivendas máis

O saneamento segue a ser unha das prioridades para o Concello de Tomiño. Por este motivo, esta semana comezaron as obras no barrio de Carregal de Abaixo, na parroquia de Amorín, o que permitirá darlle servizo a 40 novas vivendas que manifestaron o seu interese por engancharse á rede municipal.

Cun orzamento de preto de 200.000 euros procedentes de fondos propios e do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, as obras de saneamento terán unha duración aproximada de tres meses. Se nesa zona o colector vai conectado a unha zona de bombeo e dese pozo era impulsado cara o colector de Forcadela, o que van permitir estas obras é ampliar esa zona para que teña a potencia adecuada ao número de vivendas que vai a atender.

Dende o goberno local estase a traballar para que cada vez sexan máis familias as que gocen do servizo municipal, tentando que todas as vivendas do concello de Tomiño estean conectadas á rede de saneamento, como salientou o concelleiro de Obras, Francisco Campo. Trátase dun traballo arduo tendo en conta as características do municipio, con máis de 100 quilómetros cadrados, 15 parroquias e case 140.000 habitantes repartidos de forma moi dispersa, o que complica levar a rede municipal aos lugares máis afastados do núcleo urbano.

Na actualidade, máis do 60% das vivendas teñen a posibilidade de conectarse á rede de saneamento fronte ao 21% das casas que contaban con este servizo hai apenas dez anos, pasándose das 1.020 vivendas conectadas ás 2.822 que hai na actualidade.

 



X