06 Out 2017 Tomiño aproba o programa municipal de baleirado de fosas sépticas A medida busca ser unha facilidade económica para a poboación e xerar un impacto positivo no medio ambiente

O goberno local de Tomiño o aproba o programa de baleirado de fosas sépticas para aqueles fogares que, por estar ubicados en zonas do municipio onde ainda non se desenvolveu a rede de saneamento, conten con fosas sépticas ou pozos negros.

A medida ofrecerá á poboación unha alternativa bonificada para o baleirado de estas fosas, empregando para elo medios propios do concello. O programa permitirá ás persoas beneficiarias acceder ao servizo cunhas condicións económicas bonificadas, de xeito especial no referente ao primeiro baleirado anual da fosa. A bonificación será menor no caso do segundo baleirado e consecutivos, o que pretende tamén mellorar e optimizar o funcionamento destes sistemas de residuos.

Para acceder ao servizo as persoas interesadas deberán inscribir a súa fosa séptica nun novo rexistro municipal, que pretende recoller información das instalacións deste tipo que existen no territorio municipal, así como información das características das mesmas. Tal e como apunta a concelleira de medio ambiente, María Xosé Vázquez, este rexistro non ten vocación de control senon informativa e estatística, e permitirá no futuro desenvolver axudas orientadas á mellora destes sistemas de tratamento de residuos.

A medida responde ao compromiso que o goberno local ten coa xestión do saneamento municipal e a busca de alternativas intelixentes e sostibles para as zonas que non contan coa tradicional rede de saenamento pública.



X