Tomiño busca carroza do rei Baltasar Amplíase o prazo de inscrición para a presentación de carrozas para a Cabalgata de Reis ao 20 e 21 de decembro

O Concello de Tomiño acaba de ampliar o prazo para a inscrición de carrozas para a Cabalgata de Reis, que como é tradicional percorrerá as rúas do municipio o vindeiro 5 de xaneiro. Tras rematar o prazo de convocatoria inicial quedou vacante un dos postos ofertados, polo que as entidades interesadas poderán presentar aínda os seus proxectos os días 20 e 21 de decembro exclusivamente.

Neste caso o tema da carroza deberá facer referencia ao rei Baltasar. As asociacións interesadas poderán inscribir un máximo dunha carroza e para facelo deberán presentar na oficina do Rexistro Municipal o impreso da solicitude acompañada dunha descrición do deseño da carroza, ademais do CIF da entidade, o certificado de titularidade da conta e o seguro de responsabilidade civil. Entre os proxectos inscritos seleccionarase unha proposta gañadora.

Cada unha das carrozas elixidas recibirá unha compensación económica de 600 euros, 200 euros no caso de que a cabalgata teña que suspenderse.

A cabalgata sairá o 5 de xaneiro ás 16.30 horas dende O Alivio para realizar o seu percorrido habitual. En caso de choiva, a Concellería de Cultura e Servizos Sociais valorará a posibilidade de suspendela ou de trasladala ao día seguinte á mesma hora.