Tomiño celebra durante dúas semanas o 1º Campus de Atletismo, con máis de 40 nenos e nenas As pistas do Mosteiro, a carón do colexio Pedro Caselles, serán as instalacións onde os/as participantes recibirán clases e visitas de coñecidos atletas

Na mañá de hoxe comezou o 1º Campus de Atletismo do Concello de Tomiño, coa participación de máis de 40 nenos e nenas da zona que, durante dúas semanas, recibirán clases de monitores especializados, así coma visitas de atletas consagrados.

A realización deste campus de atletismo foi posible grazas á existencia do Club Sociedade Atlética Trega de Tomiño, de recente creación, que levan adiante Javier Sierpes e Patricia Pereira, tamén monitores deste campus.

Entre as visitas concertadas, está a do responsable de Marcha da Federación Galega de Atletismo, Carlos Morales, o luns 27 de agosto, e a da campioa de España de Xavelina (de Atlética Barbanza), Lidia Parada, o xoves 30, que acudirá acompañada polo seu adestrador, Lardo Moure. Asemade, están previstas aínda que non confirmadas, visitas doutros atletas de releve nacional e internacional, coma Xulia Vaquero, de A Guarda.

Explica Javier Sierpes que as visitas se organizaron pensando en amosar aos nenos e nenas as disciplinas menos coñecidas do atletismo, para que as coñezan e tomen contacto directo con elas.

No acto de inauguración do campus, estivo o concelleiro de Deportes, Ismael Torrón, que expresou a súa satisfacción polos niveis de participación acadados neste campus e nos demais celebrados durante o verán.

Neste sentido, sinalou que esta é a última das actividades deportivas de verán organizadas polo Concello, polas que pasaron varios centos de persoas.

As pistas do Mosteiro, situadas a carón do colexio Pedro Caselles, serán as instalacións onde os/as participantes recibirán as clases e visitas de coñecidos atletas. Trátase dunha pista con catro calles e 200 metros de lonxitude, e un espazo interior con céspede natural, para campo de fútbol ou outros deportes.