Tomiño celebra este domingo a sexta edición do Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández As inscricións seguen abertas e poden realizarse de forma telemática, na web municipal, ou ben, presencial, o mesmo día do concurso

Este domingo, 19 de agosto, terá lugar o VI Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández; unha cita cultural, organizada polo Concello de Tomiño, á que asisten moitos artistas da comarca e doutros puntos de Galicia, para pintar na contorna do Espazo Fortaleza e resto da parroquia de Goián.

A inscrición segue aberta. Nesta sexta edición poden participar todas as persoas que o desexen, a partir dos 18 anos de idade. Totalmente gratuíta, pode realizarse telematicamente (https://tomino.gal/inscricion-de-actividades-de-arte-e-patrimonio) até o día venres 17 de agosto, ou ben, presencialmente, o mesmo día do certame, na Aula-Museo Antonio Fernández, de Goián (situada na Avenida Ordóñez, a carón da praza), entre as 9.30 e 11.30 horas.

O certame comezará entre ás 9.30 e as 11.30 horas do día 19 de agosto, na devandita aula-museo. Alí a organización procederá a selar e numerar os soportes das obras e dar as directrices precisas aos artistas participantes.

O xurado, composto por personalidades vencelladas ao mundo das artes e membros das entidades patrocinadoras, reunirase a partir das 19 horas para emitir o seu fallo media hora despois.

Os premios establecidos, patrocinados polo Concello e a Comunidade de Montes de Goián, son tres: 1º Premio: 1000€   ·   2º Premio: 500€   ·   3º Premio: 500€

As obras premiadas e tamén as demais realizadas dentro do certame, serán expostas no Mercado Municipal entre o 21 e o 31 de agosto, para que poidan ser visitadas por toda a veciñanza.

Na pasada edición participaron 43 persoas que ocuparon para realizar a súa pintura, diversos enclaves da contorna de Goián, moitos deles preto da ribeira do Miño.

Para máis información, pódense consultar as bases do concurso na páxina Web do Concello de Tomiño (https://tomino.gal/certame-pintura), ou ben, chamar ao Departamento de Cultura (986 62 20 01/03).