07 Out 2016 Tomiño colabora co “Proxecto Ríos” e recolle máis de 200 quilos de lixo en dúas xornadas

  • Unha vintena de escolares do CEP Pedro Caselles percorreu medio quilómetro pola beira do río Pego e recolleu 65 quilos de lixo
  • Os piragüistas do club Os Teixugos, de Goián, bateron uns 300 metros das beiras do Miño, atopando 150 quilos de residuos

Club Os Teixugos 2016

Os días venres 30 de setembro e sábado 1 de outubro, o colexio público Pedro Caselles e o Club Deportivo Miño “Os Teixugos”, realizaron respectivamente, sendas tarefas de limpeza dos ríos Pego e Miño, no marco da IX Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”, promovida dentro do “Proxecto Ríos”, pola asociación ecoloxista ADEGA, coa colaboración financeira e loxística do Concello de Tomiño.

A Concellalía de Medio Ambiente e Optimización de Servizos Públicos, que dirixe María Xosé Vázquez Rodríguez, foi a encargada de coordinar as accións de limpeza e recollida.

No primeiro caso, os estudantes foron guiados polo director do colexio, Alfonso Lorenzo, e no segundo, por Emilio Rodríguez, adestrador do club de piragüismo.

Na limpeza do venres 30, participaron 18 alumnos e alumnas de 6ºB do CEP Pedro Caselles, que acompañados por dous docentes, realizaron unha andaina polas beiras do Pego e recolleron máis de 65 quilos de lixo das marxes do río, ao seu paso por unha zona próxima ao colexio e ao longo duns 500 metros.

A iniciativa enmárcase no “Proxecto Ríos”, de ADEGA, no que participa o colexio dende hai tempo, e polo que facen anualmente unha limpeza e dous controis do estado de fauna, flora, contaminación, e que corresponde a épocas de outono e primavera.

“Esta actividade serve para concienciar a nenos e maiores da importancia do coidado do medio ambiente e sobre todo da auga doce”, explica o director do centro.

Na saída do sábado, foron 11 as persoas (deportistas e familiares) que limparon uns 300 metros da beira do Miño. Neste caso conseguiron recoller nada menos que 150 quilos de lixo, entre o que atoparon colchóns, cordas, redes, caixas plásticas, bidóns de aceite, etc.

A concelleira de Medio Ambiente de Tomiño salientou a necesidade de educar e crear conciencia sobre a importancia de manter limpo o medio e facelo sostible.

Por outra banda, a Concellalía de Medio Ambiente tomiñesa, está organizando en colaboración con URBASER, unha serie de obradoiros polos centros educativos, co fin de axudar a mellorar á separación de lixo nos fogares.

Esta actividade, que comezou no pasado mes de maio, retómase nestes días, despois do receso escolar de verán.

 



X