Tomiño comeza a semana adicada a Alonso Ríos coa inauguración dunha exposición A exposición recolle a historia e percorrido vital do persoeiro Antón Alonso Ríos e a súa aportación no ámbito da educación e da política

O IES Antón Alonso Ríos acolle a exposición, onde se pode visitar unha recreación dun aula co mobiliario e instrumental da época.

Hoxe ás 11:30h tivo lugar no IES Antón Alonso Ríos o comezo das actividades da semana que o Concello adica ao seu mestre máis destacado, e que dende o pasado mes de novembro da nome ao instituto.

O pistoletazo de saída desta semana chea de actividades en torno á figura deste mestre e político tan fundamental na historia de Tomiño concretábase coa inauguración dunha exposición que recolle pormenorizadamente a historia e percorrido deste persoeiro, con especial fincapé na súa aportación ao mundo da educación e no seu compromiso político co movemento agrarista.

O acto contou coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o neto de Antón Alonso Ríos, Diego Clemenz, do Inspector de Educación de Pontevedra, e da comunidade educativa do instituto.

A exposición poderáse visitar nas instalacións do IES Antón Alonso Ríos, e cabe destacar a recreación dun aula co mobiliario e instrumental que se utilizaba nas escolas nos anos nos que Antón Alonso Ríos exerceu como mestre.

A semana continuará cunha variada oferta de relatorios, charlas mesa redonda, etc. que permitirá ás persoas participantes achegarse á figura do persoeiro.