Tomiño completa a execución do Plan Concellos ao recibir 123.000 € para instalar diversos servizos no Espazo Fortaleza

O 100% do Plan Concellos 2016 en Tomiño supón un investimento de 1.236.963,19 €

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo investimento do Plan Concellos 2016 en Tomiño. Nesta ocasión, a vila recibe por parte da institución provincial 123.000 € que servirán para a instalación da cafetería e servizos hixiénicos no parque “Espazo Fortaleza”, unha axuda integrada na liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016. Con esta achega, Tomiño recibe o 100% do seu investimento ao abeiro do Plan Concellos.

Esta nova dotación do Plan Concellos engádese ás anteriores concedidas polo Goberno provincial. Concretamente, 894.557,71 € en liña 1 para un saneamento en Carregal de Abaixo, o saneamento nos núcleos de Camiño Novo, Pazos, Rexidouro e A Val, así coma a conexión coa fase IV do saneamento na vila, a adquisición dun vehículo para o servizo de Medio Rural, a reforma e mellora da accesibilidade no Salón de Plenos do Concello, a reforma do patio interior da Escola Infantil municipal, a construción dunha pista de atletismo na área deportiva de Mosteiro, o acondicionamento da zona verde do espazo “O Regatiño”, a pavimentación do viario municipal TOM-036, no núcleo do Seixo, e a urbanización do espazo A Carballeira, en Goián. Ademais, en liña 4, foron destinados 219.405,48 € á contratación de 25 traballadoras e traballadores nos servizos municipais do concello.

Os 1.236.963,19 € investidos ao abeiro do Plan Concellos 2016 en Tomiño representan o 100% do seu orzamento neste plan de cooperación municipal.