Tomiño continúa celebrando con éxito a súa “Semana da Árbore”. Mañá venres, no auditorio de Goián, proxectarase a película “O bosque animado” e a curta divulgativa “Vive o bosque”

O coñecido como “Carballo de Vilar”, convertido en escultura pola artista búlgara Liiliya Pobornikova, será presentado de forma oficial o vindeiro sábado

 

Tomiño continúa celebrando até o vindeiro sábado, a “Semana da Árbore”, organizada dende a Concellalía de Medio Ambiente, con motivo do Día Internacional da Diversidade Biolóxica”.

Dende o pasado luns, veñen celebrándose, con éxito de público e participación, diferentes actividades, coma conferencias, presentacións, inauguracións, etc.

Estas dúas últimas tiveron lugar onte, mércores 24 de maio, no mercado municipal. Xurxo Mouriño, presentou o catálogo de árbores senlleiras, resultado dun longo traballo de investigación, con 120 especies arbóreas inventariadas.

Pola súa banda, Patricia Rodríguez, presidenta de Acubam (Asociación Cultivos Baixo Miño), presentou o proxecto “As nosas amigas as plantas”, levado a cabo en todos os colexios do municipio, con grande éxito.

 

Mañá, venres 26 de maio, no auditorio de Goián, proxectarase a película “O bosque animado” e a curta divulgativa “Vive o bosque”, presentada por Suso Cubeiro, ilustrador e divulgador medio ambiental.

A semana rematará o sábado coa as primeiras Xornadas de Compostaxe, na Praza do Seixo, con reparto de compost procedente dos primeiros composteiros comunitarios de Tomiño (situados nos núcleos urbanos). Tamén participará o programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra, a través dun stand informativo. As actividades estarán amenizadas coa actuación do grupo de gaitas “Airiños novos de Pinzás”.

Por último, presentarase a obra da escultora Liiliya Pobornikova, realizada coa árbore coñecida como “Carballo de Vilar”. Será ás 12 do mediodía na rúa Daniel Calzado.

 

A concelleira de Medio Ambiente, Mª Xosé Vázquez, explica que o obxectivo desta semana é dar a coñecer e divulgar, de maneira especial entre os máis pequenos, unha parte importante do patrimonio natural de Tomiño, neste caso as súas árbores e a súa paisaxe natural.