O Concello de Tomiño contrata 25 persoas desempregadas para conservación de bens e servizos municipais

As contratacións, dentro do Plan Concellos 2017, da Deputación Provincial de Pontevedra, significan un investimento de preto de 250.000 euros

 

O Concello de Tomiño vén de contratar a 25 novas persoas desempregadas, con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación Provincial de Pontevedra, que concedeu ao municipio 247.943,20 euros, para este fin.

Os procesos selectivos para as contratacións tiveron lugar nos dous últimos meses (febreiro e marzo), comezando a traballar o día 1de marzo 3 peóns de xardinaría, 2 electricistas e 2 carpinteiros, que estarán contratados durante 10 meses para o “Plan de conservación e funcionamento de bens e servizos do Concello de Tomiño”.

Por outra banda, o día 6 de marzo, comezaron a traballar dúas técnicas administrativas e unha educadora social, que prestarán os seus servizos até o día 31 de decembro de 2017.

O resto dos traballadores (8 peóns de xardinería, 1 oficial albanel, 2 peóns da construción, 1 condutor operador de maquinaria forestal, 1 soldador de estruturas metálicas lixeiras, 1 condutor operador de retroexcavadora, 1 mecánico de mantemento e reparación) comezaron o día 1 de abril e estarán contratados até o 30 de novembro próximo.

O concelleiro de Emprego e Promoción Económica, Antonio Tartaglione, manifestou a satisfacción do goberno local por poder proceder á contratación de 25 persoas desempregadas.