Tomiño convoca dúas prazas de funcionario interino temporal para o programa da Axenda de Cooperación Transfronteiriza Publicado no BOP as bases para a selección dun técnico e dun auxiliar administrativo dentro do plan INTERREG VA POCTEP

O Boletín Oficial da provincia de Pontevedra vén de publicar as bases para a convocatoria de dúas prazas como funcionario interino en execución de programas de carácter temporal para cubrir as necesidades de persoal xurdidas no marco da Axenda de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea, e que busca implicar á poboación de ambos os dous municipios na procura de solucións para necesidades comúns.

Nesta ocasión, faise unha convocatoria pública para a provisión dunha praza de Técnico e dunha praza de Auxiliar Administrativo con carácter urxente e esencial. Na selección de persoal do Técnico buscarase a unha persoa con Diplomatura, Grao universitario ou equivalente para desenvolver a xestión administrativa e contable do proxecto, tramitar os expedientes de actividades e accións do proxecto ata o final da súa execución, elaborar informes regulamentarios e documentos do proxecto e memorias, redactar e presentar xustificacións técnicas e económicas, así como organizar accións de difusión dos resultados dos proxectos.

Pola súa banda, os requisitos para acceder á praza de Auxiliar Administrativo é ser graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente. Neste caso as funcións serán a de realizar tarefas administrativas relacionadas co proxecto, xustificar gastos relativos ás execucións das actividades e accións derivadas, xestionar o arquivo documental, facer seguimento da web informativa da UE relacionada co financiamento ou introducir datos nas plataformas virtuais relacionadas coa iniciativa, entre outras.

Todas as persoas interesadas poderán participar na convocatoria entregando o impreso oficial correspondente no Rexistro Xeral do Concello de Tomiño engadindo como documentación a fotocopia do DNI ou análogo, copia da titulación esixida para acceder ao posto e relación dos méritos que aleguen.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP. Unha vez rematado publicarase unha listaxe provisional de aspirantes admitidos e excluídos e, tras cinco días para posibles reclamacións, publicarase no Taboleiro de Edictos do concello e na páxina web a resolución definitiva da lista provisional e a composición da Comisión de Valoración que se encargará da selección de persoal.

Consulta as bases da convocatoria aquí.

Descarga o formulario de rexistro aquí.