Tomiño dedica o acto cívico do Alivio deste ano a “Tinita” Ozores Licenciada en Filosofía e Letras, catedrática de inglés xubilada e viaxeira empedernida, esta veciña de Goián é tamén unha activa colaboradora social e cultural

O Concello de Tomiño dedica este ano o Acto Cívico do Alivio a unha distinguida veciña de Goián, Clementina “Tinita” Ozores, licenciada en Filosofía e Letras, profesora de inglés de secundaria xubilada e viaxeira empedernida, que percorreu os cinco continentes e segue activa na actualidade, colaborando en diferentes iniciativas de interese cultural e social da súa parroquia e Concello.

Tinita Ozores (16 de decembro de 1929) veu ao mundo na casa familiar da Praza de Goián. Filla de Juan Ozores e Ermesinda Ozores, foi a penúltima de cinco irmáns que a súa nai criou ao tempo que rexentaba o negocio familiar, mentres seu pai facía as américas no Brasil.

A guerra complicou as cousas, a posguerra fixo dos rexistros e das aprehensións, unha constante. Mais naquel Goián que ollaba para o río, o Miño foi permeable a un novo xeito de vivir: o contrabando. O pisco, como lle chaman no lugar, abriu unha época dourada ás economías asfixiadas pola autarquía da ditadura franquista.

Tinita comezou a vida universitaria en Farmacia como fixeran as súas irmás Maruja e Angelina. Mais decatouse de que a súa paixón era a arte. Así que deixou Farmacia e matriculouse en Filosofía e Letras onde se licenciou no ano 1953. Continuou en Santiago para seguir os cursos de doutoramento e presentou a súa tese de licenciatura sobre o coro da catedral de Tui. Un traballo punteiro na época e que pese os seus anos segue a espertar interese no mundo da arte.

Mentres inicia a súa  tese de doutoramento, imparte clases no instituto de Tui; labores que interrompe para viaxar a Inglaterra, establecéndose nun primeiro momento, en Londres e despois en Oxford. No ano 1967 regresa para retomar a docencia, agora como profesora de inglés en varios institutos até a súa xubilación, no ano 1996, no IES Alexandre Bóveda (Vigo).

Tinita fixo a súa primeira grande viaxe en 1970. Nunca o esquece porque foi cos seus primeiros aforros. O destino: Xapón. Ao outro lado do mundo que coñecía, un lugar exótico e de cultura diferente para unha occidental. Fixo a viaxe soa. Dende entón ten percorrido os cinco continentes.

Na actualidade, Tinita Ozores é membro da Asociación Antonio Fernández e continúa colaborando activamente en diferentes iniciativas e proxectos de interese social e cultural.

Diptico TINITA OZORES

 



X