Tomiño e Cerveira acollen ao xurado do concurso para a nova ponte peonil sobre o río Miño A ponte servirá para crear un gran parque entre o Espazo Fortaleza de Goián e o do Castelinho

“O xurado do concurso de ideas para a nova ponte peonil entre Tomiño e Cerveira sobre o Miño entendeu a necesidade da súa construción ao ver ‘in situ’ a proximidade dos municipios galego e portugués e o proxecto do parque transfronteirizo nos dous países”. Así o indicou hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación, Uxío Benítez, na visita que o comité seleccionador das propostas realizou ás beiras do futuro viaduto.

O obxectivo é fomentar a mobilidade peonil e ciclable para aumentar o turismo na zona aproveitando as sendas existentes en ambas ribeiras. Con este proxecto tanto Tomiño como Cerveira pretenden potenciar valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais que son máis competitivos ao ‘vendelos’ de xeito conxunto.

Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, esta ponte “non é un fin en si mesmo senón un instrumento para ter un gran parque a ambos lados do río Miño”. “Realmente non é un proxecto que vaia a saír inmediatamente pero os concellos tamén temos colaborar en proxectos europeos deste estilo, un proxecto que sen dúbida unha tramitación moi complexa”, subliñou.

O parque do Castelinho en Cerveira e o Espazo Fortaleza de Goián son perfectamente complementarios pola súa singularidade e, “unidos pola nova ponte peonil e ciclista, converteranse nun espazo de referencia transfronteiriza en toda a Península Ibérica”, como sinalou Benítez. Ambas marxes apenas están separadas por 180 metros, o que “dá pé a unilas para crear un espazo único que atraia visitantes”.

Os membros do xurado comezaron a súa visita de hoxe na parte galega da Fortaleza de Goián en Tomiño, un espazo patrimonialmente destacado, para despois cruzar a canle do río nun barco militar da Capitanía de Caminha ata o parque do Castelinho en Cerveira, un lugar moi frecuentado por familias tanto portuguesas coma galegas en todas as épocas do ano. A visión da zona a pé e tamén no barco permitiu ao comité destacar a importancia que ten o elixir unha proposta na que os puntos de ancoraxe en ambas ribeiras sexan o máis respectuosos coa contorna, en concreto, co illote existente na parte lusa.

Finalmente, a comitiva rematou a súa viaxe cunha comida de confraternidade en Vila Nova de Cerveira, no lugar do mirador de O Cervo, dende onde se podía gozar dunha perspectiva totalmente diferente e afastada do río Miño e do que podería ser a futura ponte.

Entre os asistentes á visita de hoxe -membros do xurado- houbo representantes escolas técnicas, colexios oficiais e administracións con competencias e intereses na ponte de ambos lados do río: o deputado Uxío Benítez e os xefes de servizo de Arquitectura e Mobilidade da Deputación de Pontevedra; a alcaldesa de Tomiño e o presidente da Cámara de Cerveira; do Colexio de Arquitectos de Galicia; do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canais; da Ordem dos Engenheiros; da Ordem dos Arquitectos, así como da Dirección Xeral de Patrimonio Natural; e da Capitanía do Porto de Caminha; entre outros.

A vindeira reunión, onde se tomará a resolución definitiva para escoller os tres mellores deseños dos 24 admitidos, será o vindeiro 1 de febreiro no Pazo Provincial da Deputación. Hai que lembrar que a redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada no proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado ao Interreg V-A nunha candidatura conxunta liderada pola Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo. Tivo un cofinanciamento do 75% de fondos europeos cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros.