Tomiño e Cerveira ampliarán en prazas, idade e territorio a actividade transfronteiriza ‘Deporte/Desporto para todos’ Este un dos temas tratados na reunión mensual do Consello de Xestión da Axenda Estratéxica de Cooperación entre ambas rexións

Máis prazas, aberto a un maior rango de idade e ampliando territorios. Así serán as vindeiras edicións da actividade transfronteiriza ‘Deporte/Desporto para todos’, un programa co que os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira viña ofrecendo á comunidade maior de 55 anos actividades deportivas saudables, controladas e adaptadas.

Debido ao éxito deste proxecto, o Consello de Xestión da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño decidiu na última reunión ordinaria mensual ampliar este programa que xa vai pola súa segunda edición.

Deste xeito, para o edicións de 2018 e 2019, esta actividade non soamente ampliará o número de prazas para o público que viña acollendo ata o de agora, senón que abrirá o seu programa aos mozos e mozas. Con esta apertura a organización espera multiplicar a participación no programa de actividades.

Outro dos aspectos que tamén mudarán no programa é o uso dos equipamentos municipais de Tomiño e Cerveira, xa que se buscará estender as actividades a centros deportivos, pavillóns, piscinas, campos de fútbol… que ata o de agora non se empregaban. Ademais, a organización traballará para expandir a actividade a un maior número de parroquias e freguesías de xeito itinerante.

Esta é unha das numerosas actividades comprendidas dentro da Axenda Estratéxica Cerveira-Tomiño, que centra o esforzo de ambas rexións para conseguir a xestión compartida de servizos locais, a dinamización da economía local transfronteiriza e a capacitación, todo baixo o lema Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto europeo do Programa Operativo Europeo de Cooperación Transfronteiriza (POCTECP)-INTERREG, cofinanciado ao 75% por fondos FEDER.



X