Tomiño e Cerveira celebran o seu terceiro Simposio Internacional de Escultura do Miño O certame celebrarase entre os días 11 e 30 de xuño e terá lugar en Tomiño (Espazo Fortaleza. Goián). Nesta 3ª edición participarán seis escultores de diferentes partes do mundo

Tomiño acollerá do 11 ao 30 de xuño, a terceira edición do Simposio de Escultura do Miño; unha iniciativa conxunta dos Concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, no terreo das artes.

O pasado venres, na Casa do Concello tomiñesa, presentaron o certame os rexedores de Cerveira e Tomiño, Sandra González e Fernando Nogueira, respectivamente, acompañados polas concelleiras de Cultura dos dous municipios fronteirizos.

No simposio 2018, participarán seis escultores de distintas partes do mundo: Zhao Li, de China, Zdravko Zdravkov, de Bulgaria, Georgi Minchev, tamén de Bulgaria, Ghueorgiu Filin, de Italia, Batu Isidore Shiharulidze de Estados Unidos e  Remigio Dávila nacido en Vigo. As súas propostas foron seleccionadas entre unha ducia de proxectos, indicadores da relevancia alcanzada polo simposio tamén no estranxeiro.

Durante a presentación, os alcaldes referíronse ao Simposio Internacional de Escultura do Miño, coma “un encontro consolidado que pon en valor e da visibilidade non só aos concellos organizadores, senón a toda a comarca”.

“Este simposio exemplifica a boa acollida das programacións e actividades conxuntas entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira; dúas poboacións ligadas histórica e xeograficamente, que hoxe comparten políticas para veciños e veciñas e consolidan amizades que veñen existindo dende tempos inmemoriais”, comentou a alcaldesa de Tomiño.

Pola súa banda, o presidente da Cámara de Cerveira, explicou que os artistas, coma vén sendo habitual, traballarán ao longo de dúas semanas nas que compartirán estadía e amosarán a súa mestría ao público, dando vida a seis novas obras de arte que pasarán a formar parte do patrimonio escultórico das vilas. “Este é un proxecto conxunto moi valioso para nós e   que permanecerá nos nosos municipios, con achegas artísticas que veñen a enriquecer o patrimonio local”, comentou Nogueira.

A título de novidade, as concelleiras de Cultura, comentaron que esta edición terá coma novidade a inclusión, por vez primeira, dunha escultura elaborada en bronce, que virá a sumarse ás xa tradicionais, realizadas en pedra.

Por último, os presentes agradeceron a labor de coordinación da escultora afincada en Tomiño Lili Pobornikova, coma a dos escultores Nando Álvarez e Vítor Reis, no asesoramento para levar o certame a un nivel de calidade cada vez máis alto.

 

 

 

 

 

 

 

 

 



X